Opinión
Ricardo Cao Abad, reitor da Universidade da Coruña
25 anos de soños compartidos e de compromiso coa verdade
Cando LA OPINIÓN A CORUÑA viu a luz por primeira vez o 4 de outubro do ano 2000, non era soamente un novo xornal para a cidade, era tamén un espello da sociedade. No seu primeiro número, titulaba «O alcalde e o reitor reclaman unha Facultade de Medicina». Hoxe, vintecinco anos despois, esa demanda segue viva e con renovado alento.
Unha hemeroteca que exemplifica que o paralelismo entre LOC e a UDC non é accidental. Ambos naceron coas ansias de consolidar o papel da Coruña como cidade de coñecemento, de transformación e de espírito crítico. LOC converteuse nun observador activo: contando debates —algúns máis acendidos ca outros— decisións políticas, e dando a coñecer movementos e avances culturais e sociais. Pola súa banda, a UDC foise consolidando como actriz xeradora de coñecemento, de espírito crítico, de investigación, de transferencia ao tecido produtivo, de formación universitaria pública, que busca respostas con compromiso ético. Ambas coincidimos de novo no reto de verificar a información en tempos nos que os bulos ou fake news circulan con rapidez e poden deformar a percepción da realidade.
Neste cuarto de século, a UDC contribuíu decisivamente ao desenvolvemento da área metropolitana neste golfo ártabro que acolle a A Coruña e tamén ao campus irmán de Ferrol. LOC foi testemuña de feitos clave para a cidade e a súa sociedade. A través das súas páxinas vivimos momentos de ledicia como o nomeamento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, do inicio da Cidade das TIC, da obtención da cidade como sede da AESIA ou de éxitos deportivos dos nosos equipos. Pero tamén foi testemuña de momentos máis complexos como a declaración da COVID-19 como pandemia mundial e dos seus efectos. Momentos nos que a conexión investigación-universidade-medios de comunicación foi clave para divulgar e entender o que estaba a acontecendo. A UDC e LOC son tamén espazos de palabra, de denuncia e de solidariedade global nun contexto tan complexo como o actual. Tamén no clamor: contra o xenocidio… humanidade.
Celebrar estes vintecinco anos é lembrar o que somos, o que fomos, e o que aspiramos a ser: unha cidade universitaria forte, aberta, crítica, preocupada polo ben común, solidaria, que transfira o coñecemento á sociedade, á cidadanía, ao sector produtivo, ao cultural, ao ámbito tecnolóxico. Que non esqueza o seu pasado e que soñe e aposte por un aínda mellor futuro. Felicidades a LOC polo seu aniversario; que continúe sendo faro para a cidade, compañeira de debates, e ponte entre a Universidade e a sociedade.
- Pablo Montero, deportista sancionado por surfear en A Coruña con alerta naranja: 'No me puedo creer que la primera vez que me multen sea en mi ciudad”
- 3-0 | El Dépor golea a la Cultural y se coloca en zona de ascenso directo
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Gerard, el aficionado que se mudó a A Coruña por el Deportivo «con una mano delante y otra detrás»: «Me ha dado la vida»
- Un pescador fallece al ser arrastrado por una ola en A Coruña
- El arquitecto del mercado de Monte Alto pide más dinero por una ampliación del contrato de palabra
- LaLiga le pone el cuentakilómetros a la cabalgada de Yeremay en Zaragoza
- El templo perdido de la merluza a la romana y la tortilla en A Coruña nacido de una dinastía deportivista