Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Ruth Varela, presidenta da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galicia

A Coruña, unha cidade-porto

Nos últimos vintecinco anos, e dende o punto de vista urbanístico, foron moitos os cambios na cidade da Coruña que afectaron á calidade de vida e aos seus sectores produtivos, debuxándose unha problemática, cada vez máis complexa. No eido da vivenda, a tensión dos prezos está provocando procesos de expulsión de habitantes e un drama habitacional; no eido da mobilidade a falta de alternativas á escala necesaria, a escasa inversión, e a falta de coordinación metropolitana impide ofrecer solucións sostibles e eficaces á mobilidade dos seus habitantes; no eido da alimentación está en risco o dereito a unha alimentación axeitada, cunha dependencia crecente do sector agroindustrial e dos subministros externos; e mención especial require a situación do porto, na que me centrarei a continuación.

A Coruña é, en esencia, unha cidade-porto. No porto está a orixe da cidade e no Porto está tamén o seu futuro. Por iso é importante coñecer que, despois do Prestige, se tomaron decisións que lastraron enormemente esta infraestrutura produtiva. En particular, no ano 2004, asináronse os convenios para a reordenación urbanística dunha parte dos terreos do porto, que ían ser sacrificados, é dicir desafectados, ou o que é o mesmo privatizados, para poder ser vendidos e financiar con eles a construción do porto exterior, a través da edificación de vivendas neses terreos. Unha liña vermella que nunca se cruzara nesta cidade.

Pois ben, aínda que esa reordenación nunca se materializou, tampouco se pechou esa ferida, condenando á incertidume a todo o sector produtivo do Porto, deixando no aire as concesións, freando as inversións, e garantindo así a condición de posibilidade futura dese sacrificio, que agora se anuncia no Proxecto Coruña Marítima, tal e como se desprende das bases do concurso internacional do Máster Plan Coruña Marítima; recentemente anuladas polo Tribunal (TACRC), ao incumplir a Lei de Contratos do Sector Público.

Como presidenta da Delegación coruñesa do COAG, fago dende aquí unha chamada á prudencia, á reflexión e á responsabilidade de todos os actores institucionais e sociais. O porto é unha infraestrutura esencial para garantir o futuro e a resiliencia da cidade. Por iso é preciso corrixir as bases deste concurso —e a forma de participación—, e reorientar o Proxecto Coruña Marítima para incardinalo coas necesidades reais da cidade, da cidadanía e do seu Porto.

Tracking Pixel Contents