Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

José Antonio Santiso Miramontes, alcalde de Abegondo e presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e do Consorcio das Mariñas

25 anos da man da área metropolitana

Cumprir anos acostuma a ser un marabilloso momento de celebración xa só polo feito de chegar a eles. Pasa na nosa vida cotiá e pasa tamén cos aniversarios das entidades e empresas.

Soprar as velas serve tamén para botar a vista atrás e decatarse dos pasos seguidos neste camiño. LA OPINIÓN A CORUÑA alcanza o seu 25 aniversario coa satisfacción acadada de manter unha vocación absoluta pola noticia máis próxima, unha cuestión esencial para a cidadanía de Abegondo e de toda a nosa bisbarra.

Nestes últimos anos estamos traballando a reo para o desenvolvemento do territorio a través da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, unha denominación outorgada pola Unesco que suma xa os 12 anos de vida. Trátase sen dúbida dun desafío excepcional porque supón apostar pola actividade humana en comunión coa natureza, coa sostibillidade como forma de entender o futuro.

Coido que neste tempo xa logramos fitos importantes, como están a recoñecer moitas entidades a nivel autonómico, estatal e internacional. Hoxe contamos cun modelo único de ecoturismo, xerando cada vez máis experiencias e iniciativas que foxen da masificación e procuran unha convivencia co medio natural e co patrimonio histórico e cultural; gozamos dunha marca de calidade, seña da nosa identidade, servindo de escaparate para o traballo de primeiro nivel dos emprendedores como os nosos produtores, restauradores ou hostaleiros; e impartimos un programa de educación ambiental no que participan miles de escolares.

Porque sementar unha conciencia da biosfera é sen dúbida o compromiso que máis nos debe preocupar a todos e todas para as novas xeracións. Porque o planeta depende de nós, das pequenas accións locais que terán unha repercusión no ámbito global.

Abegondo, e a maior parte do territorio das Mariñas Coruñesas, é eminentemente rural e iso é un valor incalculable. Temos os mellores recursos ao noso carón para vivir en harmonía e con boa alimentación. E, ademais, estamos especialmente orgullosos de ser de aquí.

Nesta construción dunha área metropolitana e dunha Reserva de Biosfera é fundamental contar cunha información local que poña o acento sobre os desafíos a afrontar, sobre as preocupacións reais da cidadanía e que dea visibilidade ás bondades do noso. Neste sentido, LA OPINIÓN A CORUÑA sempre contribuíu co seu incuestionable grao de area para facer concello, para facer comarca e para facer Galicia. Grazas de corazón.

Parabéns por estes 25 anos e os meus desexos de celebrar moitos máis aniversarios brindando información aos nosos veciños e veciñas.

Tracking Pixel Contents