Opinión
Benito Portela Fernández, alcalde de Sada
25 anos de vida compartida
Cando un medio de comunicación cumpre vinte e cinco anos non só celebra a súa traxectoria, celebra tamén o camiño dunha comunidade que atopou nel un espello no que mirarse e unha voz que lle axudou —e lle axuda— a comprenderse mellor. LA OPINIÓN foi nestas dúas décadas e media unha ferramenta imprescindible para saber que pasa na nosa comarca e nos nosos concellos dando visibilidade ao local sen perder a visión de país.
En Sada, estes vinte e cinco anos coinciden cun tempo de transformación profunda. Somos hoxe un concello máis grande: preto de seis mil habitantes máis ca entón. Ampliamos o número de empresas e de persoas traballadoras que escollen o noso municipio para emprender ou para construír un proxecto de vida. Con este crecemento viñeron novos retos, outras necesidades, novas demandas; pero tamén oportunidades. Somos hoxe, en todo caso, unha comunidade máis dinámica, aberta e participativa. Mais a riqueza de Sada non se mide só en cifras. A nosa identidade, a nosa memoria e o noso patrimonio inmaterial seguen a ser os piares que nos definen. Somos un pobo que mira con orgullo o presente, mais que non esquece nunca o pasado nin ás persoas que fixeron posible o camiño.
Nese percorrido, no devir da nosa Historia, no relato dos nosos logros e fracasos, na análise do noso presente e futuro, contar cun medio como LA OPINIÓN foi sempre unha garantía. Porque informar vai máis aló de dar novas: é crear comunidade; fortalecer os vínculos entre quen compartimos espazo e futuro; poñer en valor as pequenas historias que fan grande a nosa comarca e o noso país.
Nun tempo no que abundan as noticias falsas e a sobreinformación, xornais como LA OPINIÓN representan unha defensa necesaria da verdade e do rigor. A cidadanía precisa fontes fiables que dean contexto, que contrasten, que informen con honestidade. Sen esa referencia, sen esas certezas, as comunidades volvémonos máis vulnerables á manipulación e á desinformación.
Por iso, neste aniversario, desde Sada queremos felicitar a todas as persoas que fixeron e fan posible este xornal. Grazas por acompañarnos, por contarnos e por axudarnos a comprender mellor quen somos. A todos os e as xornalistas sen os cales non habería un diario que ler cada mañá: grazas por estar aí.
Que os vindeiros vinte e cinco anos sigan a ser de información rigorosa, de compromiso coa cidadanía e de vínculo coa realidade que compartimos.
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- El verano en el que Eddahchouri pudo dejar el Deportivo y mudarse a Italia o Grecia
- El juzgado ordena al Concello de Sada depositar 4,6 millones para el derribo de dos edificios
- La compra de edificios enteros en la ciudad aumenta por el tirón de la vivienda turística
- Ya es visible la estructura de la terminal de autobuses de la futura intermodal
- Los plazos de la obra de A Sardiñeira: qué se ha completado y qué queda
- Alerta por intensas lluvias en A Coruña y Pontevedra
- Viajar entre A Coruña y Santiago por la AP-9 el próximo año costará 8,77 euros