Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Alejandra Pérez Máquez, alcaldesa de Bergondo

Un cuarto de século que xa forma parte da nosa historia

Un cuarto de século non é só unha cifra redonda: é unha demostración de compromiso coa información, coa cidadanía e, como non, coa área metropolitana da Coruña.

Nestes vinte e cinco anos, LA OPINIÓN A CORUÑA soubo converterse nun medio de referencia, capaz de recoller con rigor e proximidade as novas que marcan o noso día a día. A súa vocación de servizo público plasmouse en cada páxina, en cada noticia e en cada crónica, ofrecendo á veciñanza unha visión completa e fiel do que acontece tanto na cidade como no conxunto da súa contorna. Para Bergondo, contar cun xornal atento ao que sucede no noso concello é unha garantía de visibilidade e de recoñecemento. Grazas a ese labor, a nosa realidade local tamén forma parte da axenda informativa e, polo tanto, tamén da memoria colectiva da comarca.

Hoxe máis ca nunca é necesario salientar o valor de dispoñer de medios de comunicación fortes, independentes e comprometidos coa verdade. Nun momento no que as redes sociais amplifican bulos e informacións falsas que se espallan con enorme rapidez, a existencia dun xornal como LA OPINIÓN supón unha defensa imprescindible contra a desinformación. A cidadanía precisa ferramentas que lle permitan tomar decisións libres e responsables, e iso só se consegue a través de informacións contrastadas e fiables.

Durante este mesmo período, Bergondo tamén viviu un proceso de transformación. Seguimos sendo un concello orgulloso da súa esencia e das súas raíces, pero ao mesmo tempo consolidámonos como un lugar elixido cada vez por máis familias para establecer o seu proxecto de vida. O noso compromiso é claro: crecer de maneira sostible, mantendo a nosa identidade, respectando o noso patrimonio natural e humano, e asegurando que cada paso cara ao futuro se dea sen perder a perspectiva da nosa historia e do noso carácter como comunidade.

Cando un medio de comunicación como LA OPINIÓN A CORUÑA cumpre vinte e cinco anos, sentimos que tamén é un pouco a historia de Bergondo a que se escribe nesas páxinas. Desexámoslle longa vida, novos retos e moitos máis aniversarios, sempre coa mesma paixón por informar e coa mesma proximidade á veciñanza.

Parabéns e grazas polo voso traballo.

Tracking Pixel Contents