Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

María Barral, alcaldesa de Betanzos

O obxectivo común de conseguir un Betanzos mellor

Hai vinte e cinco anos nacía LA OPINIÓN A CORUÑA, un medio que desde o primeiro día se converteu nun referente do xornalismo galego, informando con rigor, proximidade e compromiso coa verdade. Neste cuarto de século, o xornal foi testemuña e cronista dunha etapa de fondas transformacións sociais, económicas e culturais que marcaron a vida de Galicia e en especial de Betanzos.

Todos cambiamos nestes 25 anos e LA OPINIÓN A CORUÑA tamén. Soubo evolucionar ás necesidades informativas mantendo a súa identidade nunha sociedade onde o tempo transfórmase a ritmo vertixinoso e onde o desenvolvemento tecnolóxico é imparable. O xornal soubo adaptar a súa presenza á nova realidade: Presente no papel pero envorcado no futuro que marcan os novos soportes para a comunicación, mantendo o seu camiño vinculado á súa edición impresa pero sabendo adaptarse aos novos tempos, conectándose a través de redes sociais con persoas que queren estar informadas, ao momento, do que sucede. 25 anos despois, a historia do xornal é a propia historia de Betanzos, das súas xentes, das súas tradicións.

Ao celebrar os 25 anos do periódico non podo deixar de sentir que o percorrido deste xornal se asemella ao da nosa cidade: un crecemento sostido, unha adaptación constante aos novos tempos, fidelidade ás raíces e confianza no futuro.

No medio dunha chea de ruído informativo, faise fundamental o exercicio do auténtico xornalismo, o que non confunde, o que achega luz a unha infinidade de opacas mensaxes. O xornalismo con maiúsculas é, agora máis que nunca, unha ferramenta útil e necesaria. O saber e o coñecer fannos máis libres, máis críticos, máis conscientes, máis empáticos e máis humanos.

Vivimos tempos difíciles en todos os ámbitos, tamén no dos medios de comunicación, pero non se alcanzan vinte e cinco anos de percorrido e traxectoria todos os días; por iso, quero felicitar a todo o equipo de LA OPINIÓN por estas dúas décadas e media de compromiso coa información veraz e próxima, e agradecerlles que sempre estivesen ao carón de Betanzos, reflectindo nas súas páxinas os nosos avances, as nosas preocupacións e as nosas ilusións.

A pesar de que as relacións dos responsables públicos cos medios de comunicación non son sempre fáciles, este camiño fómolo percorrendo xuntos, ás veces con diferenzas, pero sempre coa mirada posta nun obxectivo común: conseguir un Betanzos mellor, unha sociedade máis próspera e cohesionada, máis xusta.

Que estes primeiros 25 anos sexan só o inicio dun camiño aínda máis prometedor. Ao igual que Betanzos, LA OPINIÓN seguirá a ser parte esencial da vida galega, axudándonos a comprender o presente e a construír entre todos e todas o futuro.

Tracking Pixel Contents