Opinión | Cronistas e corresponsais
O oficio de narrar as guerras (V): Claud Cockburn (‘Frank Pitcairn’) (1904-1981)
Tense dito, con razón, que as guerras converteron a moitos escritores en periodistas. Contar o que sucedía en España, xa desde 1934, foi unha esixencia para xornais e cabeceiras periodísticas de todos os países. Como consecuencia, unha constelación de escritores, artistas, periodistas e intelectuais asumiron o compromiso moral de contarlle ao mundo o que sucedía na Península. A visión da guerra contemplada por medio das crónicas, artigos e reportaxes dos desprazados a España segue a ser unha perspectiva moi pouco frecuentada polo público e que nos proporciona unha visión tan complexa como enriquecedora porque cos correspondentes visitamos as trincheiras, os hospitais e as escolas, escoitamos aos que sofren e sentimos o estalido das bombas e os lamentos dos moribundos. Rescatar esta visión, como dicía José-Carlos Mainer, ten moito de reivindicación intelectual dun pasado que aínda está a pedir normalización. O silencio e a prohibición do franquismo sobre a historia intelectual española foi tan riguroso extenso e intenso que tardamos anos en recuperar o dereito ás máis simples palabras como chamar «guerra civil» ao que na historiografía franquista era Cruzada ou Guerra de Liberación. Desde logo os correspondentes da guerra de España desempeñaron un moi singular papel: expostos aos bombardeos e aos francotiradores, tiveron que sortear tamén os perigos da censura tanto no bando republicano como no dos rebeldes. A recuperación do conxunto das crónicas e traballos non resulta tarefa doada por varios motivos. Temos que comezar por advertir que a proxección que acadou a obra de algúns grandes escritores —Hemingway, Dos Passos, Orwel, Saint-Exupéry, Malraux ou Arthur Koestler— que exerceron como corresponsais para rotativos de diferentes países, ocultou e deixou sen visibilidade numerosas obras que paga a pena ler pola cantidade de datos e reflexións que nos permiten albiscar outras realidades pouco transitadas. Por exemplo a obra de Frank Pitcairn, pseudónimo que adoptou Claud Cockburn (1904-1981), titulada Reporte in Spain (Corresponsal en España, Amarú ediciones) que non foi traducida ao español ata o ano 2012, en edición de Alberto Lázaro. O autor, corresponsal de The Week e posteriormente do Daily Worker xa cubrira para esta última cabeceira os sucesos de Asturias de outubro de 1934. Cockburn viñera a España para cubrir a Olimpíada Popular que iba celebrarse en Barcelona do 19 ao 26 de xullo como alternativa contra as Olimpíadas oficiais no Berlín de Hitler. Por este motivo xa estaba en España cinco días antes do golpe de Estado de Franco. Como outros periodistas e escritores que viñeron a España, Cockburn —«tomando ora la espada, ora la pluma», como dicía Garcilaso na súa Égloga III— non se conformou con ser un simple observador e alistouse no 5º Rexemento do Exército Republicano e loitou na serra de Guadarrama e noutras frontes.
O escritor británico mantivo sempre a esperanza de facer posible a axuda do seu país ao goberno da República rompendo a política hipócrita de non intervención. Este era o obxectivo das súas crónicas e da súa obra narrativa. A principios de xullo de 1937 asistiu ás sesións do Segundo Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura inaugurado en Valencia e que se desenvolveu con sesións en Madrid, Barcelona e París. Asistiron máis de cen intelectuais de todo o mundo e non estivo exento de múltiples debates e tensións: a crenza de que a Guerra de España era cuestión de todos porque era un anticipo dunha expansión do fascismo creou unha mala conciencia entre os escritores que non se atreveron a acudir á chamada de España. Por este motivo as estrelas do Congreso non eran os escritores, o prestixio recaía nos homes que puxeron a súa vida sobre o tapete. Os aplausos maiores foron para o soldado que irrumpe armado no auditorio de Valencia para soster que na punta da súa baioneta estaba tamén a defensa da cultura. Polo mesmo motivo foi aclamado na mesma sesión o escritor alemán Gustav Regler que saíra do hospital, convalecente e pálido, despois de ser ferido en Guadalajara. Por certo que a obra que recolle as súas experiencias en España, traducida ao inglés, non se publicou en España ata transcorridos máis de cincuenta anos da súa escritura co título de La gran cruzada (Tabla Rasa, Madrid 2012). O rianxeiro Rafael Dieste e a súa compañeira Carmen Muñoz foron testigos privilexiados destes acontecementos, puño en alto, como esixían as dramáticas circunstancias que estaban a vaticinar a catástrofe do nazismo como hoxe a anuncian as mortes de palestinos en Gaza.
- Pablo Montero, deportista sancionado por surfear en A Coruña con alerta naranja: 'No me puedo creer que la primera vez que me multen sea en mi ciudad”
- 3-0 | El Dépor golea a la Cultural y se coloca en zona de ascenso directo
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Gerard, el aficionado que se mudó a A Coruña por el Deportivo «con una mano delante y otra detrás»: «Me ha dado la vida»
- Un pescador fallece al ser arrastrado por una ola en A Coruña
- El arquitecto del mercado de Monte Alto pide más dinero por una ampliación del contrato de palabra
- LaLiga le pone el cuentakilómetros a la cabalgada de Yeremay en Zaragoza
