Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

José Ramón Rioboo Castro, alcalde de Culleredo

Unha ollada a 25 anos de xornalismo próximo

Celebrar o 25 aniversario dun medio de comunicación non é só felicitar a quen sostén a súa actividade xornalística día a día. É tamén recoñecer o papel que cumpre na sociedade, acompañando ás persoas, ofrecendo información veraz e, sobre todo, proximidade. Por iso, quero trasladar os meus sinceros parabéns a LA OPINIÓN A CORUÑA polo seu cuarto de século de vida, algo que me satisfai enormemente como comunicador de profesión, porque sei das dificultades a superar, pero tamén do orgullo que supón unha efeméride así.

O xornal naceu e medrou cun compromiso firme co territorio, e iso nótase en cada unha das súas páxinas. Repasalas é tamén repasar a historia recente de Culleredo: os cambios sociais, os crecementos urbanísticos, os retos ambientais e a evolución dun municipio que é referencia dentro da área metropolitana coruñesa.

Nestes últimos anos, se botamos a vista atrás, comprobamos como Culleredo avanzou da man de proxectos que hoxe son fitos indiscutibles e nos que o rol do periódico foi moi relevante. A rexeneración ambiental da ría do Burgo, tan reclamada durante décadas, é un exemplo de xustiza ambiental e de recuperación dun espazo que forma parte da nosa identidade.

Tamén a consolidación de Culleredo como polo de atracción empresarial, grazas á súa posición estratéxica xunto á Coruña e á conexión co aeroporto, é unha mostra de que somos territorio repleto de oportunidades. E, por suposto, non se pode esquecer que cada vez máis familias elixen Culleredo como lugar para vivir, convencidas de que aquí atopan calidade de vida, servizos e un futuro compartido.

Sabemos que hai camiño por diante. Temos retos de envergadura, en consonancia coas demandas reais da cidadanía. É o caso da mobilidade, onde urxe a posta en marcha dun servizo de tren de proximidade, que suporía un salto cualitativo e sostible na conexión coa contorna. Ou tamén investimentos en infraestruturas e servizos que nos permitan debuxar un futuro mellor para as novas xeracións.

Nestes retos que marcan o noso horizonte sei que estará LA OPINIÓN A CORUÑA no seu compromiso de visibilizar e dar voz ás preocupacións da veciñanza e de loitar polo desenvolvemento da nosa área. O que máis valoro é esa capacidade de estar sempre ao carón das persoas, de contar o que acontece nos nosos núcleos, nos nosos centros educativos, nas nosas rúas. Esa mirada local é o que diferencia a un medio que sabe proxectar a realidade municipal cara a toda Galicia.

Que este 25 aniversario sexa só un paso máis dun percorrido longo. Desde Culleredo, os nosos desexos de moitos anos máis de éxito, rigor e compromiso coa información local.

Tracking Pixel Contents