Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño

Unha testemuña privilexiada do renacer de Miño

Unha testemuña privilexiada do renacer de Miño

Unha testemuña privilexiada do renacer de Miño

Os 25 anos de LA OPINIÓN A CORUÑA son consecuencia inevitable do traballo serio, profesional e comprometido coa sociedade que hai detrás de todas e cada unha das súas páxinas, que día tras día nos presentan a realidade e nos axudan a comprender mellor o mundo que nos rodea.

Neste tempo LA OPINIÓN converteuse nun referente para os e as miñenses. Durante este tempo foi testemuña privilexiada da nosa historia recente: viviu e relatou momentos difíciles, pero tamén está a acompañarnos agora nunha etapa de renacemento que nos enche de ilusión e esperanza. En definitiva, está contribuíndo na construción desa memoria compartida que dá sentido ao que fomos e ao que queremos ser.

O presente de Miño é froito dunha boa xestión e dun compromiso firme coa recuperación e co futuro. Nos últimos anos consolidámonos como o concello da área metropolitana que máis crece porcentualmente en poboación. Cada vez máis persoas elixen Miño para vivir, convencidas de que aquí atopan a combinación perfecta entre calidade de vida, servizos de primeiro nivel e unha situación privilexiada, a poucos minutos de cidades como A Coruña ou Ferrol.

Non só medramos en número de habitantes, tamén o facemos en servizos. A recuperación económica que está a protagonizar este goberno local reflíctese en datos moi positivos: este ano 2025 contamos co maior orzamento municipal da nosa historia, 10,5 millóns de euros, unha cifra que nos permite investir máis e mellor no benestar dos nosos veciños. Ao mesmo tempo, imos deixando atrás pouco a pouco os restos do estoupido da burbulla inmobiliaria, que durante anos marcaron o devir do noso municipio. Miño ten presente e, sobre todo, ten moito futuro. Somos un concello dinámico, en expansión, que atrae familias para desenvolver aquí o seu proxecto de vida.

Por iso, celebrar os vinte e cinco anos de LA OPINIÓN A CORUÑA é tamén unha oportunidade para agradecer o seu papel esencial informando sobre todo o que acontece en Miño. Parabéns polo camiño percorrido e moitos éxitos para o futuro, que agardamos seguir compartindo.

Tracking Pixel Contents