Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Cifras e letras

26 1 18 1

É probable que saiba o que significa este número, que non é da lotería (ten máis díxitos dos posibles), nin unha data histórica, nin o número dun preso.

Os símbolos están feitos de letras, números, sons, xestos ou case calquera cousa, e remiten a algo distinto de si mesmos; non son interpretables se non é nun contexto e cun coñecemento do que xa dispoñemos e co que os asociamos. Por iso a súa interpretación pode ser distinta dunhas persoas a outras. Recordo cando descubrín que en partes de Grecia aséntese ou négase coa cabeza xusto ao revés de como o facemos nós.

A forza dun símbolo reside fundamentalmente en dúas propiedades: arbitrariedade (non hai un vínculo físico necesario entre símbolo e referente) e composicionalidade (poden combinarse segundo regras para crear novos significados). Iso permite representar, comunicar e razoar sobre cousas abstractas ou que non están presentes. En termos cognitivos, os símbolos achégannos unha extensión da memoria, permítennos pensar e planificar futuros que serán ou non, e coordinarnos socialmente a través de normas, contratos ou leis, poñamos por caso.

Eu mesmo elixín un símbolo como título deste artigo. É o que Inditex vai inscribir na Oficina de Patentes e Marcas, se non o fixo xa, para identificar a súa liña deportiva Zara Athleticz, despois de que o Tribunal Supremo lle dera a razón nese empeño.

O símbolo en cuestión correspóndese coa secuencia de números que reflicten a posición no alfabeto das letras de Zara, e esta empresa non quere deixar ningún cabo solto, tampouco nisto. Iso si, esta numeración non se corresponde cos alfabetos do castelán nin do galego. No alfabeto galego a z ocupa o posto 23º, xa que non inclúe as letras j, k, w e y, usadas só en palabras estranxeiras ou estranxeirismos. Tampouco ocupa o lugar 26º no alfabeto español, senón o seguinte, xa que se mete por medio a ñ, como tamén lle ocorre ao galego.

Quizais vostede, como eu, aprendese o alfabeto coa «ch» e a «ll» (refírome ao castelán, xa que entón o galego só o mamábamos), pero desde 1994 xa non forman parte da lingua de Cervantes.

Por certo, o número 261181 refírese tamén a outros produtos menos requintados, como as cápsulas de óxido BBL para o diagnóstico rápido de actividade bacteriana ou unha barra estabilizadora A.B.S. para vehículos. Poida que aínda haxa máis produtos así referenciados, pero entenderán que non me aplicase en investigar o tema a fondo.

Ten sentido que teñamos debilidade polos símbolos. Á fin e ao cabo, déronnos certa vantaxe adaptativa. Por exemplo, a linguaxe humana está formada por símbolos que nos permiten transmitir coñecemento de forma rápida ou fixalo a escritos que poden permanecer connosco toda a vida e ao longo de moitas vidas, dependendo do tipo de soporte empregado. Servíronnos para anunciar a presenza dun depredador, de auga ou de algo velenoso, e a nosa vida ía niso.

Ao longo de miles de anos pasamos de debuxos nas pedras ou nas paredes das cavernas aos símbolos matemáticos, ás notas musicais (como as do libro de Horas de Fernando I de León, publicado en 1055, e que é o libro máis antigo de cuantos atesoura a Universidade de Santiago de Compostela), aos bits das computadoras ou aos tóquenes que alimentan aos modelos grandes de linguaxe. Na maior parte dos casos cada novo símbolo foi á vez o resultado dun avance continuo no saber e facilitou seguir dando pasos.

Por certo, postos a desconfiar de que che rouben a marca, quizais Inditex debería rexistrar tamén o «26 01 18 01». Máis vale previr que lamentar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents