Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao País

A mellor docencia médica para Galicia

Catro de cada dez médicos especialistas galegos acadaron ou acadarán a idade de xubilación entre 2021 e, como moito (70 anos), no 2031. No 2023 xubiláronse 113 médic@s de familia no Sergas, o que reflicte a enxurrada de xubilacións que están a vir na Atención Primaria. Nun plano máis global cómpre dicir que a Estratexia galega de saúde 2030 do Sergas recoñeceu explicitamente que o risco é que a falta de relevo xeracional «chegue a comprometer a capacidade de atención sanitaria de Galicia».

Pois logo seica ten razón o profesor Lourenzo Fernández Prieto (USC), cando vén de escribir que cómpre que a Universidade pública forme máis e mellor e que cómpre falarmos en serio, «sen tótem nin tabú». O Sistema Universitario Galego deseñado no 1990 evitou a duplicación de titulacións até cando non a puido evitar. Mais velaí temos Industriais ou Telecos en Vigo, Físicas. Matemáticas, Químicas, Filosofía, Xeografía ou Historia en Compostela. Veterinaria ou Enxeñaría Agrícola, en Lugo; Belas Artes ou Enxeñaría forestal en Pontevedra ou Informática, Arquitectura ou Arquitectura Técnica na Coruña. Moi probabelmente haxa que estendelas ou mesmo duplicalas no futuro. Mais polo de agora non.

A única Facultade de Medicina deste país fixo un grande esforzo por medrar e admite no seu primeiro curso 403 alumnos, o que constitúe un récord estatal entre os 36 centros de ensino públicos e 17 privados, sen dúbida por mor das razóns que vimos de expor enriba. Mais a pregunta, nesta outonía de 2025, é se abonda con isto.

Cómpre lembrar que no 2015 pactouse entre a Xunta e as tres Universidades galegas un convenio, até de agora incumprido, para estender a docencia de Medicina na Galicia ao segundo ciclo (cursos 4º, 5º e 6º) nos centros dos Complexos Hospitalarios coruñés e vigués (Chuac e Chuvi). Arestora seica está previsto que se insiran os alumnos de 5º no curso 2026-27 e 4º no 2027-28. O Chuvi e o Chuac son centros fulcrais na asistencia sanitaria, mais tamén haberían selo na docencia clínica. Mesmo no medio prazo o HULA lugués e o CHOU ourensán poderían partillar esta docencia, como xa partillan con grande suceso a formación de especialistas. Porque xa non só é unha cuestión de non sumar a calidade sanitaria destes dous complexos coruñés e vigués senón un problema de pensar onde collerán no CHUS, xusto dentro dun ano, os 1.500 alumnos que terán que desenvolver entón nel a súa formación.

Canto á ratio poboacional de facultades de Medicina, temos unha por 2,7 millóns de habitantes, cando a media estatal é inferior a un millón. Mais certo é que as ratios italiana e alemana fican tamén por baixo dos 1,5 millóns de habitantes por centro de ensino sanitario. Outra cuestión fulcral é a incapacidade de que as 403 prazas da USC (mesmo na actual xeira do grande esforzo da Academia compostelá na recepción de alumnos) fornezan as necesidades deste país de médicos aproveitando a vocación de compatriotas galeg@s de grandes capacidades. Tod@s os de certa idade sabemos que isto se está a resolver, polas familias que poden, no marco da oferta non só das 17 Universidades privadas do Estado español, senón de moitos outros centros na UE e no estranxeiro. Queremos que a segunda Facultade de Medicina galega sexa privada? Xoga ou xogará limpo o Goberno galego nesta xeira?

É verdade que o sistema universitario galego non decide sobre o número de MIR que Galicia poida formar. E que, alén da inmediata apertura do segundo ciclo de Medicina ao Chuac e o Chuvi (e, porque nón, á UDC e á UVigo), as grandes decisións a respecto do futuro do ensino na Galicia son decisións de País. Ficar nos lugares comúns, na preguiza mental ou no costume serodio non resolverá os problemas sanitarios dun país que precisa repor axiña o 40% dos seus médicos.

Velaí que cómpre que as nosas Universidades, mais tamén a nosa sociedade civil e forzas políticas poidan negociar unha solución acaída. Con moita flexibilidade, moi pouco dogmatismo e moito sentido de País. A fin principal da Universidade galega neste eido non é outra que a de formar os médicos que Galicia precisa. Poñan, pois, os medios precisos para ilo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents