Opinión
Glosas de actualidade (I): A guerra da tinta en versión institucional
Dicía Karl Kraus nun seu artigo («Aquí cúspese en alemán») de 1915, publicado no moi persoal xornal Die Fackel, que se determinados señores se dedicasen a limparse a boca no canto de querer purificar a linguaxe, daríanse as condicións necesarias para un entendemento en moi diversas materias e temas. Traemos esta alusión ao intelectual austriaco a propósito das declaracións de García Montero, director do Instituto Cervantes, que sinalou os diferentes criterios con que actúa a institución que el dirixe a respecto da RAE (Real Academia Española) que se mostra pechada á riqueza da diversidade das linguas do Estado —catalán, galego, euskera— e totalmente impermeable á consideración da linguaxe inclusiva postulada no su día polo goberno de coalición e que está arraigando na sociedade como signo di igualdade entre xéneros. En definitiva, o que foi unha tímida crítica propicia para suscitar un debate atractivo, provocou un terremoto por mor dos insultos recibidos da ilustre membresía académica: «mediocre», «paniaguardo», «faltón», «comunista», «poeta menor», etc., onde son notorias, por unha parte a contaminación do clima de crispación e polarización da política española e, por outra parte, a estreita relación que existe entre o poder político e o cultural. Nada estraño se temos en conta a orixe de todas as institucións culturais que naceron, sen excepción, con vocación de ser libres pero foron caendo debaixo da tutela do monarca, da igrexa e doutras estruturas de poder. Concretamente as academias eran na súa orixe, finais do século XV en Italia, faladoiros de afeccionados a ler e debater, institucións da conversación entre iguais que, sen pretender sustituílos, eran unha alternativa aos Studium, nome italiano das universidades (Marc Fumaroli, La República de las Letras, Acantilado, 2013) antes de converterse a partir do século XVIII nas actuais membresías, elexidas por cooptación e ostentables no currículo. Lembremos que a RAE nace fundada por iniciativa monárquica coa finalidade de reforzar o espírito centralista borbónico e non é necesario recorrer aos grandes clásicos —Foucault, Orwel ou Kemplerer— para decatármonos que as linguas, todas as linguas, como vehículos de comunicación, sempre foron, desde tempos inmemoriais, obxectivo primordial da política (...que siempre la lengua fue compañera del imperio..., dicía no prólogo da súa Gramática Nebrija).
En definitiva, as institucións «normativas» non adoitan admitir as críticas, inconcebibles para unha mentalidade autoritaria que se considera responsable do bo dicir e escribir sen decatarse que a autoridade do uso dos idiomas reside nos falantes, escritores e lectores. A resposta unánime da RAE a García Montero, tópica e mostrenca, en defensa do seu director, quere escamotear o debate proposto para circunscribir a crítica ao ámbito persoal co obxectivo de eludir responsabilidades e explicacións da súa política cultural sacrosanta e canónica. É sabido, abonda con acudir á hemeroteca dixital, que a actitude de defender as linguas importantes fronte das reclamacións das linguas periféricas ten suscitado non poucas polémicas especialmente desde que o Parlamento Europeo votou en 1987 unha moción favorable ás linguas minoritarias estimulando a súa promoción nos medios de comunicación e no ensino. Como consecuencia do protagonismo «concedido» a estas «microlinguas» o mapa lingüístico europeo multiplicouse por oito. E todas as linguas se converteron no fundamento das súas reclamacións de independencia e de autonomía cultural. A causa do escamoteo do debate que deberían ter provocado as declaracións de García Montero hai que buscalas, en efecto, na constatación de que todo despertar nacional adoita estar precedido dun renacemento lingüístico. Lembremos que xa no ano 2008 un grupo de notables, entre os que había algúns académicos, publicou un «Manifiesto por una lengua Común» no que reivindicaba o uso do castelán como única lingua común asediada, e que respondía a unha filosofía teocrática recollida na paráfrase «cada lengua en su casa y el castellano en la de todos», tan querida por Alfonso Guerra. Con razón nesta ocasión, por todo o exposto, aquí cúspese en castelán. Que llo digan a García Montero.
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- Forbes' sitúa en A Coruña tres de los cinco mayores patrimonios de España
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- Así era Dolce Vita, el centro comercial de A Coruña que cerró al abrir Marineda City y que ahora se transformará en Breogán Park
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Recta final para la apertura de un gran Gadis en la antigua nave de Caramelo en Agrela
- Fallece el miembro de Protección Civil de Abegondo Javier Montero
- La demolición del edificio que 'tapa' Mera, más cerca
