Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre as reservas de biosfera

Mañá, 3 de novembro, é o Día internacional das reservas de biosfera. Esta figura de xestión do territorio, impulsada pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), supón a designación de lugares tanto terrestres como mariños que sirvan como «laboratorios» para o desenvolvemento sostible. Cada sitio proporá diferentes solucións para conciliar a conservación da biodiversidade co desenvolvemento económico, involucrando ás comunidades locais e á administración na súa planificación e xestión. A designación de tales reservas de biosfera parte dos estados nos que se atopa, que logo serán aprobadas pola Unesco a través do programa intergubernamental Man and Biosphere (MaB).

O territorio das reservas aparece zonificado en tres áreas: zona núcleo —estritamente protexida—, zona de amortecemento —con actividades compatibles coa conservación— e zona de transición —de promoción de actividades económicas e humanas ecosocialmente sostibles—. Tras a creación da primeira reserva de biosfera en 1976, avanzouse moito: existen actualmente 759 reservas en 126 países, con especial densidade en América Central, extremo leste de Asia e suroeste de Europa. Cubren unha área de 7,5 millóns de quilómetros cadrados (case como Australia), formando a Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

A nivel español existe unha figura similar: a Rede Española de Reservas de Biosfera, con 55 espazos. En todo caso, o concepto e a práctica das reservas cambiou moito desde os 70. Neste senso, a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade (lei 42/2007, artigos 68, 69 e 70) estableceu a regulación definitiva das funcións destas reservas en España.

En Galicia existen actualmente sete reservas de biosfera, que ocupan case a cuarta parte do territorio galego: Terras do Miño, designada en 2002; Área de Allariz, de 2005; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, de 2006; Río Eo, Oscos e Terras de Burón, de 2007, compartida con Asturias; Transfronteiriza Gêres-Xurés, de 2009, compartida con Portugal; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, de 2013 (*); e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, de 2021. Unha oitava está en tramitación, e correspondería á costa das Rías Baixas entre Porto do Son e Baiona. Estes espazos non forman parte da Rede Galega de Espazos Protexidos, e identifícanse notables carencias á hora de aplicar a zonificación establecida, funcionando de facto todo o territorio das reservas galegas como «zonas de transición», sen protección real dos valores naturais.

Conclusión: o G. N. Hábitat califica as reservas de biosfera como unha ferramenta útil a nivel global para avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible, pero critica o funcionamento xeral das mesmas a nivel galego, con notables carencias no que a protección da biodiversidade e dos seus hábitats naturais se refire.

(*) https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2025/05/25/reserva-biosfera-marinas-corunesas-terras-117790004.html

Tracking Pixel Contents