Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Tribuna

Rodrigo Osorio Guerrero

Tribunais de Instancia: o final da conta atrás

O próximo 31 de decembro comezará a funcionar nas 7 meirandes cidades galegas o novo modelo organizativo da Administración de Xustiza. Unha organización innovadora que supón unha case que total «administrativización» das oficinas que realizan o traballo que permite que xuíces e maxistradas exerzan a potestade xurisdiccional. Resumindo moito: do tradicional equipo do xuíz integrado por unha letrada da administración de xustiza (LAX) e varios funcionarios dos corpos de auxilio xudicial, tramitación e xestión procesual e administrativa pasaremos a grandes servizos temáticos (xeral, tramitación e execución) que servirán, baixo a dirección de algúns LAX, a todas as maxistradas de cada unha daquelas cidades.

O último pulo desta reforma foi unha Lei orgánica aprobada polo Congreso dos Deputados o 2 de xaneiro de 2025 pero nin o Ministerio de Xustiza nin a Xunta de Galicia tomáronse moi en serio a vontade popular expresada naquela norma.

Cando fican pouco máis de dous meses, o Ministerio de Xustiza aínda non rematou de reasignar os LAX aos que serán os seus novos postos e iso que optou polo atallo de crear destinos sen funcións concretas. De feito, algúns dos novos cargos de dirección (como o do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) quedaron vacantes porque ningún LAX quixo ocupalos malia estar mellor pagados co resto.

O director xeral de xustiza amosa o mesmo interese que o seu colega estatal e vai amodo para recolocar ás persoas funcionarias que del dependen e só quéixase do pouco prazo que lle deixou o Congreso dos Deputados para exercer as súas funcións. Nunca se lembra de nos dicir que en moitos partidos xudiciais do Reino de España levan dende 2010 cun modelo intermedio («a Nova Oficina Xudicial») que fará a transición neses territorios máis doada. A Xunta de Galicia tomou hai 14 anos a decisión de non cumprir a Lei orgánica do Poder Xudicial e… «Daqueles pos», este salto brutal adobado con caos que sufrirá toda a cidadanía que se achegue a Administración de Xustiza nos próximos anos.

A improvisación dos responsabéis políticos de aquí e acolá vai más aló: nada se sabe tampouco dos protocolos e procedementos que rexirán o funcionamento dos novos servizos, competencia neste caso do Ministerio de Xustiza, que deberiamos coñecer antes de comezar a traballar co novo modelo organizativo.

E mesmo ningún dos dous gobernos pensou preparar algo fulcral para o funcionamento da nova organización: un plan de transición. Os Servizos que substituirán ás oficinas xudiciais herdarán os procesos tramitados de xeitos diferentes coa intención de unificalos. Esta homoxeneización é necesaria e ambiciosa máis sen un esforzo previo para clasificar, resumir ou tipificar os miles de expedientes; coordinar as axendas das persoas funcionarias e outros traballos previos para os que xa non hai tempo, a inevitábel desorde inicial prolongarase máis do preciso e desexado.

Os xulgados mixtos comezaron coa nova estrutura o 1 de xullo e, con carácter xeral, non cumplen coa Lei orgánica coa escusa de salvagardar os intereses da cidadanía, sen respectar a vontade popular. Rexe un pacto de silencio que vencella ao propio director xeral que, diante dos medios, segue a celebrar que a implantación desa primeira fase do Novo Modelo Organizativo «rematou con éxito».

Unha reforma organizativa afouta é precisa e aínda unha insuficiente como esta podería supoñer unha mellora na prestación do servizo de xustiza á cidadanía se todos, ou polo menos, algún dos responsabéis políticos se tomaran en serio o seu xuramento de «cumplir e facer cumplir a lei» grazas ao que cobran todos os meses un salario público.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents