Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | CARTAS AL DIRECTOR

Ana Olveira Blanco

O cooperativismo galego, motor dunha nova economía con valores

O cooperativismo galego medra, diversifícase e transforma a economía do país. Xa non se pode entender como un fenómeno limitado a un sector ou territorio: está presente no rural e nas cidades, no agro e na tecnoloxía, na cultura e na enerxía, nos coidados e na industria. Hoxe é unha realidade plural, viva e en constante evolución. E, como toda realidade dinámica, necesita dun ecosistema normativo que a acompañe, que a impulse e que a recoñeza como o que é: unha fórmula moderna, útil e transformadora.

O pasado 2 de outubro, o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha Declaración Institucional polo Ano Internacional das Cooperativas 2025, un xesto simbólico pero significativo, promovido pola Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop. O texto recoñece que as cooperativas «son indispensables para o desenvolvemento local e permiten responder a retos como a transición ecolóxica, a cohesión social e a innovación, demostrando que é posible combinar progreso económico e respecto ambiental».

Este apoio institucional é importante porque visibiliza que o cooperativismo non é unha fórmula do pasado, senón unha ferramenta de futuro. Segundo datos da Xunta de Galicia, máis de 2.000 cooperativas están activas na comunidade, xerando uns 78.000 empregos e contribuíndo con arredor do 5 % ao PIB galego. Fálase de cooperativismo, si, pero tamén de economía sólida, xeradora de riqueza e benestar.

As cooperativas demostran cada día que é posible facer empresa doutro xeito:

  • Con emprego de calidade, onde quen traballa tamén decide.
  • Con cohesión territorial, ao manter actividade económica en zonas rurais e urbanas.
  • Cun compromiso real coa sustentabilidade e o medio ambiente.
  • Con participación democrática e transparencia.
  • Cunha resiliencia que lles permite resistir mellor as crises.

Pero este modelo necesita apoio real. En Galicia, a reforma da Lei de Cooperativas, actualmente en proceso, é unha oportunidade histórica para actualizar un marco legal con máis de 30 anos que xa non responde ás necesidades actuais das empresas cooperativas. No Estado, a reforma da fiscalidade das cooperativas tamén é urxente para garantir a seguridade xurídica, a igualdade de condicións e fomentar a creación de novas iniciativas. Non se trata de privilexios, senón de recoñecer as especificidades dun modelo que prioriza ás persoas e ao territorio.

Desde EspazoCoop, traballamos para facer do cooperativismo unha opción viable, atractiva e recoñecida. Un modelo que medre en sectores estratéxicos, que fortaleza o tecido produtivo local e que contribúa a construír unha economía máis xusta e sostible. A Declaración Institucional do Concello da Coruña é un bo exemplo de como as administracións poden sumar neste camiño.

O impulso que necesita o cooperativismo galego pasa tamén por unha maior visibilidade social e política. É necesario recoñecer o papel das cooperativas como axentes de innovación e transformación, capaces de achegar respostas colectivas a problemas globais como o cambio climático, a desigualdade ou o reto demográfico. O cooperativismo non só crea emprego, senón que xera comunidade, compromiso e pertenza. En tempos de incerteza e individualismo, é unha das poucas fórmulas empresariais que pon no centro ás persoas, apostando por decisións compartidas, economía circular e responsabilidade común. Galicia ten neste modelo unha vantaxe competitiva que cómpre consolidar, fortalecendo as redes e ampliando o seu espazo de influencia institucional e económica.

O cooperativismo galego non é unha idea do pasado, nin unha nota a pé de páxina. É presente e é futuro. E para que siga avanzando, precisa que o marco normativo tamén evolucione. Un cooperativismo diferente precisa dun ecosistema diferente. Unha economía con valores necesita leis que a comprendan e a acompañen.

*Ana Olveira Blanco é presidenta de EspazoCoop, Unión de Cooperativas de Galicia

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents