Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat Opina
Cosme Damián Romay
Sobre lamas tóxicas: un terceiro chamamento
Hai xusto unha década o estado brasileiro de Minas Gerais foi escenario dunha catástrofe ambiental e humana: a rotura da represa de residuos mineiros férricos de Fundão, na localidade de Mariana, de máis de 62 millóns de metros cúbicos. O conseguinte tsunami de lamas tóxicas ocasionou 19 mortos e máis de 600.000 damnificados, ademais de destruír o valioso río Doce —fogar dunha ducia de especies endémicas de peixes— e mesmo ter efectos no mar, contaminando o arquipélago coralífero dos Abrolhos. Meses despois do desastre detectáronse valores moi por riba dos permitidos de arsénico, chumbo, cadmio, zinc e mercurio en toda a zona afectada.
Nas últimas semanas falouse en prensa da balsa de lamas tóxicas, altamente alcalinas, do complexo de Alúmina-aluminio de Xove, na Mariña luguesa —tema xa abordado anteriormente en LA OPINIÓN (*)—. Primeiro, de como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou a suspensión cautelar ao recrecemento da presa da balsa ata a cota 104, solicitada por unha asociación ecoloxista. O TSXG argumentou que «para que a medida cautelar fose admitida, debería acreditarse de forma rigorosa ou moi indiciaria a aparición de novos danos ambientais ou o incremento dos xa existentes, sempre que a súa orixe estivera na modificación da estrutura da balsa», e que se fixo «especial énfase na ponderación dos intereses en xogo». Aos poucos días, publicouse que seis meses despois da autorización de tal recrecemento, xa se traballa en chegar á cota 110. As reaccións do ecoloxismo non se fixeron esperar, con afirmacións como «antes de aumentar o problema é preciso ter solucións» e «canto maior é a balsa máis grande é a posibilidade dun fallo sistémico ou de desbordamento». Volveuse incidir na necesidade da clausura e selado desa balsa, unha bomba de reloxaría para o medio natural da Mariña. Tamén estes últimos días falouse de como deste depósito de lamas vermellas poderían retirarse materiais para elaborar ladrillos acumuladores de calor, materiais para pantallas de amorcemento acústico, áridos para estradas e mesmo recuperar galio, bauxita e aluminio para recirculalos no sistema industrial e produtivo. Isto permitiría eliminar contaminantes, minguar a balsa e garantir un futuro á planta de Alúmina-aluminio, hoxe en día en grave crise. E, xa de paso, cunha balsa de lodos tóxicos cada vez máis pequena, disociala do acontecido en Aznalcóllar, Ajka e Minas Gerais.
Conclusión: O G. N. Hábitat volve realizar un chamamento para repensar o futuro da balsa mineira de Xove, que, en vista da nova información, debería pivotar no aproveitamento dos materiais alí contidos, e, cun volume menor que o actual, acometer a desexable clausura e selado da balsa, con todas as garantías de seguridade.
- Dos cadenas abren en Marineda City sus primeras tiendas en Galicia, donde habrá nuevas inauguraciones
- Tres amigas de Arteixo marcan la pisada del futuro con su zapatería barefoot: 'Fuimos las primeras en la comarca
- La huelga de bus en A Coruña volverá este viernes 12 de diciembre sin previsión de cumplir mínimos
- De ilusión a pesadilla: Una artesana abandona el poblado navideño de A Coruña tras volar el techo de su puesto
- El mercado de Navidad de María Pita, «adecuado» y con público según el Concello de A Coruña
- Los positivos por drogas entre repartidores en Galicia superan en un 80% a las alcoholemias
- PP y BNG exigen al Ayuntamiento de A Coruña que informe de la candidatura para ser sede del Mundial 2030 y las obras de Riazor
- La alcaldesa de A Coruña lleva al portavoz del PP a la Justicia por acusarla de acosar a funcionarias