Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Prudencia

Falando nun evento cun avogado dun prestixioso bufete, este díxome que gustáballe moito o carácter dos galegos pola súa prudencia. Eu nunca o pensara, polo menos non como un dos nosos trazos máis destacados; o que máis, segundo esta persoa. Pero, pensándoo ben, creo que ten razón.

A prudencia é unha virtude silenciosa, mesmo silente, que foxe dos fogos artificiais, por moi vistosos que sexan. Aristóteles, que sabía destas cousas, e de case todo, definiuna como «a virtude de deliberar ben acerca do que é bo e conveniente para a vida». A prudencia, segundo este filósofo dos filósofos, non é a inacción, nin sequera a vacilación de quen teme equivocarse, senón o pragmatismo daqueles que saben que os camiños elixidos á carreira dificilmente nos conducen ao éxito. Para a filosofía medieval, a prudencia era, de feito, genitrix virtutum, a nai de todas as virtudes.

Porén, a prudencia non adoita estar nin na rúa nin nas redes sociais. Cando se nos exhorta sobre todo a asumir riscos e lanzarnos ao baleiro, a prudencia soa a freo de man existencial. De feito, ninguén pon no seu perfil das redes: «Son unha persoa prudente», pois soaría a preguiza e a non saber nin que dicir. Pola contra, normalmente un preséntase como «vou pola vida acelerado», aínda que moitas veces signifique non facer nada a toda hostia ou mesmo desfacer. Lembren aquel lema dos inicios de Facebook: «Móvete rápido, racha cousas». A prudencia convídanos a un luxo que semella extinguido: a pausa.

Non é estraño que a prudencia se identifique coa debilidade. É frecuente nos negocios e na política esta forma de pensar. Porén, alguén moi citado neses ámbitos, como Sun Tzu, di na súa famosa obra A arte da guerra que, se es prudente e agardas por un inimigo que non o é, sairás vitorioso. Non é un consello doado de seguir, porque require algo que non abonda: serenidade no medio do ruído e do lume, tanto se é lume inimigo coma amigo. Pero o certo é que, se es débil caerás con frecuencia no erro de responder sen pensar, mentres que se es forte pensarás, e o resultado será moitas veces non responder. Non, a prudencia non é indolencia, do mesmo xeito que a clemencia non é covardía. De feito, ambas, a prudencia e a clemencia, son virtudes dos fortes.

Ser prudente non é un xesto pasivo, senón un acto de resistencia. En tempos de urxencias e opinións instantáneas, pensar antes de falar é un desafío case revolucionario. A era do trumpismo é a da «reacción»: cada palabra que non aloumiñe ao imprudente provoca a crítica inmediata; cada desobediencia, mesmo aparente, un golpe. O covarde castiga por medo, mentres que o prudente perdoa por forza moral.

Parece un paradoxo, pero a nosa retranca é quizais o paradigma da prudencia expresiva. A retranca non ridiculiza nin fere sen máis, senón que esquiva o golpe e mesmo o enfrontamento na forma, sen minguar o fondo.

Si, definitivamente é moi posible que as galegas e galegos teñamos na prudencia a nosa principal virtude. Non todos, ben é certo.

Tracking Pixel Contents