Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre uns expedientes sancionadores da Comisión Europea

O Reino de España é o Estado da Unión Europea con maior número de expedientes sancionadores abertos pola Comisión. Ao comezar o presente 2025, tiña 171 procesos abertos, maioritariamente relacionados con incumprimentos ambientais. Un dos máis chamativos é o relacionado coas carencias na aplicación da Directiva de Hábitats (Directiva 92/43/CEE), de obrigado cumprimento, e en concreto nas eivas da Rede Natura 2000 (no sucesivo RN2000) española.

A definición e a xestión final desta rede de espazos protexidos depende das comunidades autónomas, polo que, realmente, son as autonomías as responsables últimas de subsanar os erros que sinala a Comisión Europea. Galicia é un caso claro de incumprimento da Directiva de Hábitats, cun 11,7% do seu territorio terrestre amparado baixo a RN2000 desde 2004 (fronte ao 39,8% da Comunidade de Madrid ou o 38,0% de Canarias).

Houbo en 2008 un primeiro intento da administración galega de mellorar ese 11,7% para pasalo a un 17,9%, pero quedou en nada. Tampouco foi adiante outro tímido intento de ampliación en 2011, que suporía chegar a un 15,2%. O Plan Director da RN2000 de Galicia, aprobado polo Decreto 37/2014, decepcionou ao movemento ambientalista pola falta de obxectivos e por un laissez faire, laissez passer que impregnaba o desenvolvemento da norma. E, inevitablemente, as sancións non tardaron en chegar: en 2015 iniciouse o expediente INFR (2015) 2003, ampliado en 2020, que considera insuficientes as medidas para protexer e xestionar a RN2000 en Galicia.

Tras non realizar mellora algunha, sumouse en 2023 un novo expediente, con código INFR (2023)2037, que pon o foco na escasa porcentaxe de espazos protexidos. Estes procedementos, que seguen o seu curso, poderían rematar en sancións severas. O mes pasado, a comisaria de Medio Ambiente da Comisión, Jessica Rosswell, afirmou textualmente que «Galicia non estableceu obxectivos e medidas de conservación suficientemente específicas en todas as súas zonas de especial protección», indicou que seguen «avaliando» a situación «antes de decidir» que van facer e, ademais, referenciou os expedientes sancionadores arriba detallados.

A día de hoxe, tras máis de 20 anos, Galicia segue con apenas 11,7% do territorio terrestre protexido baixo a RN2000, na cola das autonomías do estado, sen visos de que se amplíe —a pesar dunha recente proposta do movimento ambientalista (*)— e sen un Plan Director funcional.

Conclusión: O G. N. Hábitat insta á administración autonómica a que tome todas as medidas necesarias para evitar unha sanción por parte da Unión Europea, ampliando a RN2000 terrestre ata (polo menos) un 28% (*), reformulando o Plan Director da RN2000 galega para facelo máis concreto e ambicioso e dotando de medios económicos e humanos suficientes á conservación do noso patrimonio natural.

(*) https://gnhabitat.org/o-ecoloxismo-galego-reclama-a-incorporacion-da-infraestrutura-verde-de-galicia-na-obrigada-ampliacion-da-rede-natura-2000/

Tracking Pixel Contents