Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

cosme damián romay cousido

Sobre o uso dos prefixos «bio-» e «eco-»

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, o prefixo «bio-» defínese como «elemento de orixe grega que entra na formación de palabras co significado de vida», e aparece en verbas como bioloxía, biosfera e biografía, entre outras. O prefixo «eco-» ten unha definición similar, se ben co significado de «casa» (ecosistema, ecoloxía, economía..). Os dous prefixos, xunto coa palabra «orgánico», véñense empregando desde hai décadas para ámbitos relacionados coa produción de alimentos, fármacos ou materiais que teoricamente se basean en métodos de cultivo ou de produción que minimizan -ou mesmo neutralizan- o seu impacto no medio natural. É a agricultura ecolóxica ou biosostible, a roupa ecosostible e os fármacos biolóxicos. Existen selos de calidade que certifican, administrativamente, o carácter «eco-» ou «bio-» destes produtos. Porén, estes mesmos prefixos se veñen terxiversando nalgunhas verbas para outorgarlles «maxicamente» un cariz natural, sustentable, ou amigable ambientalmente: ecoparque, ecotaxi, bioxardineira... aínda que en realidade non tiñan diferenzas significativas cun «parque», «taxi» ou «xardineira» ao uso. O mesmo aconteceu con marcas de zumes, batidos ou barriñas de chocolate que recollían o prefixo «bio-» no seu nome, sen provir de materias primas da agricultura ecolóxica. No ano 1993, un Real Decreto en España estipulou que os prefixos «eco-» e «bio-» estaban reservados para a produción ecolóxica de bens de consumo. Porén, o Ministerio de Agricultura, presionado pola industria alimentaria, mudou no ano 2000 de criterio e estableceu que o prefixo «bio-» podía ser usado en produtos cuxo ingrediente principal fora de orixe vexetal ou animal, mantendo o prefixo «eco-» para elaborados ecolóxicos. O descontento de produtores en ecolóxico e mesmo de asociacións ambientalistas foi en aumento e motivou unha denuncia perante a Comisión Europea, que motivou que en 2009 se volvese á situación de 1993, nos que só os produtos ecolóxicos estaban autorizados a usar os prefixos «bio-» e «eco-». Así e todo, e a pesar da lexislación e das evidencias, algunhas empresas teiman en empregar indiscriminadamente o prefixo «bio-», mesmo para fábricas altamente contaminantes, que degradan o medio natural coas súas accións, ou para produtos que non derivan de ningún proceso ambientalmente sustentable. «Biofábrica», «biofertilizantes» e «biometano» son exemplos disto. O trasfondo deste uso non é outro que dar unha «pátina verde» de cara ao público que dismule as eivas ambientais desas instalacións ou produtos. Isto é, «greenwashing».

Conclusión: o G. N. Hábitat insta ás autorizadas a que vixíen a correcta aplicación dos prefixo «eco-» e «bio-», obrigando a aquelas empresas que buscan facer «greenwashing» co uso de verbas inverosímiles como «biofábrica» a que deixen de empregalos.

Tracking Pixel Contents