Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao País

«Se non les, cala; nótase»

A últimos dos anos 80 do século pasado, a sección local de Vigo da organización xuvenil galeguista da que eu facía parte (Mocidades Nacionalistas Galegas —MNG—, primeiro integradas en Coalición Galega e despois unidas nun pacto de asociación co PNG) desenvolveu unha intelixente campaña contra a burremia na que algúns daquela moraban. «Se non les, cala; nótase». Tratábase de frear a expansión dos lugares comúns de xente pouco lida que, pola contra, adoitaba asumir acriticamente aquilo de «para ser galego de verdade non fai falla falar galego», «Galicia non foi nunca celta», «Realmente nunca existiu o Reino de Galicia» e parvicies semellantes. A imaxe graficamente rematábase co debuxo da faciana dun burro dentón e de grandes orellas.

Dende hai poucas semanas as redes están ateigadas nese debate que xira sobre se a lectura é «tan importante». Un debate que xorde polo cambio radical no ecosistema informativo e de lecer. O certo é que a lectura en si non perdeu valor, senón que se atopou de golpe cunha competencia existencial por mor de determinadas e importantes transformacións:

Por unha banda, a atención hoxendía é un recurso escaso. No tempo da miña afiliación política xuvenil a lectura era o camiño real para a información e o entretemento. Hoxe, os novos medios están deseñados para ofrecer recompensas de dopamina rápidas e frecuentes. Ler un libro esixe unha recompensa aprazada e un esforzo continuado. O debate é realmente sobre a capacidade de concentración profunda na era da multitarefa e das notificacións constantes. Se non podemos concentrarnos un tempo abondo para ler, a utilidade da lectura diminúe.

Ao mesmo tempo, deuse unha remuda no paradigma da chamada «sabedoría». Antes o coñecemento procedía da lectura. Hoxendía accédese de xeito instantáneo aos buscadores (o tantas veces invocado San Google) e á propia Intelixencia Artificial (IA). Xa non é tan importante «o que sabes» senón «o que sabes facer co que atopas». Por certo, unha idea non tan allea á afirmación do pedagogo Piaget «só se aprende o que se fai».

É certo tamén que a lectura require un tempo e un certo grao de silencio intelectual que non encaixa coa velocidade e coa polarización das redes sociais. O abandono da lectura repousada contribúe á simplificación excesiva de temas complexos e ao aumento das cámaras de eco, xustamente o que os da MNG daquela tentábamos combater amosando o evidente que era a burremia de quen non lía.

Expostos estes argumentos quitamos xa algo en limpo. Entendermos que é lóxico que exista xente que non vexa a utilidade da lectura. Mais haberiamos entender porque isto é así e o que tal compromete gravemente cuestións tan importantes como a ciencia ou a política. Porque nin a reforma do Dereito Penal nin, en xeral, da lexislación, nin as decisións públicas orzamentarias e moito menos a ciencia pódense debater a serio nin moito menos decidir dende o inmediato dos chíos das redes sociais, malia que estes cumpran a súa función na construción da opinión cidadá.

Do mesmo xeito que algúns xa botan a faltar (pódolles dicir que aínda non é o meu caso) horas de desconexión dixital e axendas e cadernos de papel escritos cun lapis farase evidente co tempo que ler é importante. E non, certamente, para facermos infalibelmente mellores, senón máis sabios. Que, de todos os xeitos, é un dos camiños máis seguros para facermos mellores.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents