Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre o exterminio da fauna dos ríos

Álvaro Cunqueiro dicíalle a Galicia «o país dos dez mil ríos». Aínda que é difícil estimar cantos cursos de auga hai na nosa terra, é incontestable a súa importancia para entender a xeografía galega, o seus microclimas, a vida silvestre e mesmo os asentamentos humanos. Auga de río para aldeas, vilas e cidades, para a agricultura e para a gandería, para a industria e para o lecer. A vexetación das canles e das ribeiras actúan de depuradoras naturais, superiores ás deseñadas polas mans humanas. E a pesar do seu valor, maltratamos os ríos, contaminándoos, degradando as súas ribeiras e aniquilando a fauna que nela se atopa.

Poucos organismos sofren máis as alteracións da calidade da auga que as plantas e invertebrados acuáticos, base das redes tróficas dos ríos. Non hai comunidades de peixes viables sen boa conectividade de treitos de ríos, sen unha correcta xestión pesqueira e, por suposto, sen augas limpas. En todo caso, e aínda que existen exemplos de treitos fluviais en bo estado, moitos outros languidecen con augas cada vez máis contaminadas (especialmente por nitratos, como o caso do río Limia) e con bosques de ribeira maltratados coa escusa de «limpar». Presas zombies, sen ningunha utilidade real, bloquean o curso de ríos illando poboacións piscícolas, e ata hai un mes escaso permitíase a pesca en Galicia de peixes en grave declive poboacional desde hai décadas.

En efecto, o plan de pesca continental en Galicia para 2026 contempla a veda total do salmón atlántico (Salmo salar) nos nosos ríos, pero… que acontece na veciña Asturias? A pesar da caída poboacional, e dos chamamentos de expertos como o biólogo David Álvarez para unha veda total, milleiros de canas e anzois inzan cada ano os ríos asturianos para a pesca do campanu (o primeiro salmón da tempada), nun negocio insostible que move milleiros de euros. Pero o salmón non é o único animal ameazado dos ríos: a auganeira ibérica (Galemys pyrenaicus) é un mamífero insectívoro acuático vulnerable en Galicia, que a miúdo comparte hábitats co mexillón de río (Margaritifera margaritifera), en perigo de extinción na nosa terra. A pesar das súas poboacións sensibles, e da protección legal existente, son obviadas en estudos de impacto ambiental de macroproxectos lesivos cos ríos, como o da celulosa que teiman en instalar en Palas de Rei, no corazón de Galicia.

Conclusión: o G. N. Hábitat leva décadas inmerso no estudo, divulgación e conservación dos ríos galegos (Proxecto Coawa, Vixías dos Nosos Ríos, limpezas de lixo, retiradas de especies invasoras…). Ademais, participa no Comité de Pesca da provincia da Coruña, e realiza oportunas denuncias e alegacións contra proxectos lesivos co medio fluvial. Son necesarias moitas mans para estudar e conservar estes valiosos ecosistemas. Se queres participar connosco, escríbenos.

Tracking Pixel Contents