Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Exilio e relatos de nación

Permitímonos adoptar este título do investigador Antolín Sánchez Cuervo para ponderar o valor das dez cartas que entre 1952-1959 intercambian Luís Seoane e Ramón Piñeiro que, malia o seu aspecto familiar e humilde, constitúen unha documentación áurea para ilustrar diversos aspectos da nosa historia contemporánea. Para que nos proporcionen toda a información que ocultan temos que transcender o ámbito persoal das misivas, que xa foi obxecto dun debate infrutuoso no ano 1991 entre Isaac Díaz Pardo e Carlos Casares, para centrarnos nos aspectos políticos e sociolóxicos tamén presentes nos textos das cartas: concretamente, en primeiro lugar, o singular conflito entre dous espazos culturais dotados de diversos tipos de capital, a cultura do exilio (Luís Seoane) e a denominada cultura do interior (Ramón Piñeiro) e, en segundo lugar, outro aspecto que moi ben poden ilustrar estas cartas é o da disputa pola «hexemonía cultural» entre os devanditos espazos confrontados. Así, mentres a cultura do interior, representada por Piñeiro está caracterizada pola represión, censura, eliminación do discurso propio e mesmo da lingua, restrición das traducións, dirixismo, etc. que el mesmo insinúa, a cultura do exilio caracterízase polo cosmopolitismo, contacto con outras linguas e culturas, abandono do discurso colonialista, etc. Así, por exemplo, o envío da obra teatral de Seoane (La soldadera, Buenos Aires 1957, traducida do orixinal galego) que ten como contexto o teatro europeo de corte marxista de Bertoltd Brech suscita deseguida a descualifición de Piñeiro (30 de xaneiro de 1958) que tilda a obra como «inquedanzas de tipo social-revolucionario» xa superadas en Europa (no ano 1958!). Esta insistencia nos temas sociais por parte de Seoane desagrada especialmente ao seu «amigo» que a cualifica como «insistencia obsesiva» sobre unha mesma idea. Dúas descualificacións que apuntan rasgos típicos do discurso franquista: que a situación do exilio malogra toda obra cultural por carecer da necesaria serenidade de ánimo («puerís arroutadas admonitorias», di Piñeiro) corrompido polo resentimento e, en segundo lugar, o descoñecemento das verdadeiras condicións de vida en España, invalida aos exiliados para todo tipo de discurso arredor da realidade nacional. Este artefacto discursivo ideado polo franquismo tiña como finalidade conquistar a hexemonía cultural. Non fai falla recorrer a Gramsci, pai deste concepto, para que nos decatemos que a guerra en España motivouse, en gran parte, por un conflito de definición nacional —discrepancias sobre o pasado, presente e futuro do Estado español— campo onde tan importante son os productos culturais que permiten construír un relato (xa sexa literario, xa sexa historiográfico). De aquí que os intelectuais e escritores exiliados estivesen empeñados en construír institucións (xuntas, reunións, editoriais, revistas e outros espazos comunicativos) que permitisen construír unha cultura nacional —española, vasca, catalá e galega— que contrarrestase a cultura do Estado franquista, tal como estudou con clarividencia Sebastián Faber («Exilio, Ideología y Hegemonía»). Nunha carta desta época apunta Seoane: «É hora de que vos decatedes de que estades en plena confusión con respecto a nós e que a política cultural que facedes brillantemente e coa nosa ademiración, inicieina eu en Buenos Aires sin máis programa que o da cultura galega arredor de 1940, coma ti deberías sabere, aínda que non por min, que nunca falei disto. Son boa proba os libros das editoriaes que fundei e a aición cultural do Centro Gallego, onde durante moitos anos traballei soio». Efectivamente, Galaxia nace, entre outros motivos, para contrarrestar o discurso do exilio porque querían ganar a batalla do relato literario, político e cultural. De aquí o violento silencio arredor do exilio que impón o piñeirismo e do que Seoane protesta amargamente cando se omite o nome de Lorenzo Varela na nómina de poetas contemporáneos («un segundo desterro», apostilan desde Buenos Aires). Seoane sempre se lle adiantou defendendo Galicia como escenario de loita e confrontación que representaba a cultura nacional-popular fundamento de todas as Frontes Populares de Europa. Comezou defendendo o Estatuto de Autonomía e o Consello de Galiza no editorial do nº 1 (1954) da súa revista Galicia Emigrante e rematou no nº 37 (1959) declarando a súa fidelidade á cultura popular, o Autonomismo e republicanismo.

Tracking Pixel Contents