Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

O nacionalismo galego no exilio: ‘Alba de Groria’ (I)

A ausencia que padecen os exiliados, emigrantes e desterrados provoca, en primeiro lugar, a perda dramática de todas as cousas materiais —terra, paisaxe, monumentos, hábitos de vida— que daban sentido á súa vida. Esta circunstancia, como movemento compensatorio, vai á súa vez motivar a substitución destas cousas concretas por unha serie de valores abstractos, éticos, simbólicos que funcionarán como elementos de identidade patriótica. Quen mellor deu fe deste discurso compensatorio entre o republicanismo español foi León Felipe naquel moi citado poema que todos temos celebrado: Mía es la voz antigua de la tierra./Tú te quedas con todo/ y me dejas desnudo y errante por el mundo./Mas yo te dejo mudo... ¡Mudo!/¿Y cómo vas a recoger el trigo/y alimentar el fuego/si yo me llevo la canción?

Esta valoración de España e do español por parte dos exiliados republicanos discorre en paralelo ao discurso reivindicativo e diferenciado, sempre oculto, do nacionalismo gallego, vasco ou catalán que acabou sendo proposta retórica dun estado federal por parte do socialista Anselmo Carretero que chega a asumir o mesmo Felipe González cando lembra en México a famosa frase de «España, nación de nacións» (tempos aqueles!). Pero dentro do discurso nacionalista galego nada máis relevante desta actitude substitutiva que o discurso de Castelao Alba de Groria pronunciado o Día de Galicia de 1948 en Buenos Aires onde se manifesta a veta dos devanditos valores inmateriais: «... é moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro, como unha boa esperencia». Non estaba Castelao a renunciar a ningunha reivindicación política e cultural concretas, simplemente se ve abocado a refuxiarse no imaxinario para ponderar os valores inalienables que defende de cara o futuro do seu país. Non se trata dun exercicio de nostalxia nin de misticismo como queren ver os galeguistas do interior con afán manipulador. Lembremos que a primeira parte do discurso está dedicado á Historia, representada por aquelas «nobres dignidades» que agachan «ideais tan vellos que hoxe nin tan siquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón». Pero así como a Historia pode porse a debate porque non ten capacidade de forxar a autonomía moral de Galicia, a Tradición conta cun «valor imponderábel para gañar o futuro». Moita xente non se decatou aínda que o que Castelao propón é confiar o futuro de Galicia á primeira institución cultural da humanidade, a Tradición, anterior aos saberes eclesiásticos e ás universidades. Era consciente o de Rianxo que a Tradición é moito máis que a acepción que recolle a nosa lexicografía («Conxunto de usos e costumes antigos propios dun pobo, transmitidos de xeración en xeración e o feito mesmo de seren transmitidos») que encadea a palabra a un pasado que se transmite de xeración en xeración. Porén a apelación de Castelao á Tradición obedece a outros presupostos: expulsados da Terra, os nacionalistas galegos vense privados de institucións capaces de narrar a nación, de construíla; eran tan conscientes da súa necesidade que puxeran as maiores esperanzas na súa fundación: Partido Galeguista, Seminario de Estudos Galegos, Imprenta Nós, as revistas A Nosa Terra, Nós, etc. Expulsados e privados da capacidade narrativa, confían a supervivencia da nación á Tradición, eses milleiros de luciñas anónimas, de lucencús capaces de gardar as esencias dos nosos valores ancestrais. Non confiaba Castelao na historia académica nin nas institucións docentes que poden aculturar aos nenos pero que non son a cultura da tradición que recrea as innovacións da cultura popular, a auténtica cultura alonxada do saber xerarquizado, certificado e burocratizado que imparten as universidades.

Tracking Pixel Contents