Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Retallos do labirinto

Galaicos? Galaicos!/Celtas? Celtas!

Título prestado, como comentaremos abaixo, con esas interrogacións ou preguntas que aguilloan á ciencia, como tamén e pola contra coa imperativa interxección.

Galaicos? Galaicos!/Celtas? Celtas!

Galaicos? Galaicos!/Celtas? Celtas! / LOC

Compre lembrar que no 1959, dous anos antes da morte de Francisico Asorey, a universidade compostelán rendeulle un homenaxe ao escultor da raza, ademais coa edición dun libro da autoría do profesor Ramón Otero Túñez e con estudo preliminar do tamén profesor de Prehistoria naqueles anos da ditadura, Carlos Alonso del Real e que, sintomaticamente, titula Descubrimiento de “un” Mediterráneo, co que tenta contestar ás teses que singularizan a obra de Asorey. Escultor que, seguindo aos románticos como Viceto ou Murguía e mesmo aos Modernistas como Cuevillas, Cabanillas, Risco, Otero Pedrayo busca o «espírito do pobo», que dicían céltica e cristián e arremete don Carlos: Encapsulados en la absurda y caduca mitología «céltica», la inmensa mayoría de los exaltadores de lo gallego empobrecen, hasta los extremos de hacer llorar, su mucho más antigua y rica cultura... Insistindo en que os tradicionalistas son os que máis pauperizan a tradición, cargando contra os nacionalistas, sobreenténdese galegos, deixando de banda a obcecación dos fanatismos e máis dos do «imperio hacia Dios». O profesor Alonso asentábase na forte pegada neolítica, na do Mediterráneo grecolatino... e volvía á carga engadindo, para los campesinos «celta» es un club de fútbol, un bar, un cigarrillo, cualquier cosa menos un antepasado, atribuyen el labirinto de Mogor, las mámoas, o los petróglifos a los mouros, tienen, como es uso, más razón que los semicultos... Leccións que callaron nos museos que apartan o de celta, nos mesmos alumnos que chegaban enchoupados nas teses de Cuevillas, autor de La Civilización Céltica en Galicia, agora bibliografía tachada de obsoleta. Sendo teses da Xeración Nós, do Seminario de Estudos Galegos, as que, dende o sentir decadentista trataban de singularizar as orixes, a orixinalidade de Galiza, fronte a un mundo que se industrializaba, procesaba, uniformizaba e empobrecía. Entendendo que o universal, a mesma uni-versidade ten que ver coa unidade na diversidade. Curiosamente e pola contra prehistoriadores da universidade complutense sempre situaron as orixes da cultura castrexa no ambiente celta.

Noroeste, confín rico en minerais, propicios para a fundición do bronce, como o estaño e o cobre, da prata e do ouro, do ferro... e base de algo importante para nutrir os exércitos e o transporte, país de feros guerreiros, adestradores de cabalos e habilidosos xinetes, señores dos camiños e da milicia. E así os localiza a arqueoloxía, servindo de auxilia por todo o imperio romano.

Galos?, Galos! Como reafirmar a orixinalidade francesa

Igual que se deu unha imaxe interesada e mesmo errónea dos galos, tamén se deu dos castrexos, aos que os greco-romanos denominarían galaicos. Os románticos franceses, chauvinistas tamén, reafirman sutilmente a identidade da súa nación expansionista e centralista, a orixe gala como vencellada aos celtas, pobos que viven momentos de encontros, desencontros e influencias con gregos e romanos.

Sirva pois, como inspiración, o catálogo Gaulois? Gaulois! Conment lárcheéologie perçoit les identiteés céltique, motivado pola exposición realizada no 2022 no Museo Henri Prades, nos sitios arqueolóxicos galos de Lattara e logo en Bibracte, teimando en como a arqueoloxía percibe as identidades célticas. Asentamentos celtas documentados por Cesar na Guerra das Galias (58 ao 50 a.C). Mostra que radica as orixes, neste caso na Idade do Ferro (sc VI ac ao I a.C), abondando sobre a formación territorial, cultural, as relacións e a aculturación colonial grega e romana. Algo contrastado dos elementos mínimos para un xuízo arqueolóxico: os asentamentos, os artefactos, as tradicións, o idioma, a toponimia... Celtas galos organizados en tribos con asembleas e xefes, aínda que desunidos, o que facilitou a romanización... hospitalarios, valentes, bos xinetes, supersticiosos e relixiosos, druídas e bardos por medio.

Os gregos, dende os tempos de Heródoto ( sc. V a.C) denominaron Keltoi, Celtas coa raíz Kal —e mesmo Gal, entendida inicialmente como estranxeiros— ás tribos de orixe indoeuropeo, grupos heteroxéneos que vivían na Europa central e occidental, entre o sc. VIII a.C ao I a.C , variando en función da súa bisbarra, os que nunca formaron unha nación como tal, aínda compartindo aspectos culturais propios. Por exemplo os seus habitats, fortificacións que atenden á xeoestratexia, sendo fundamental á proximidade dos ríos... (os hillforts británicos, os castros) con barrios que denotan organización, coas súas construcións circulares ou oblongas, cubertas de palla. Ambiente de agricultores e gandeiros, hábiles na domesticación de cabalos, excelentes équites, así como na minería e na metalurxia, difusores do ferro. Con idioma de raíz indoeuropea, como mostra o gaélico e con alfabetos aínda por estudar, como tamén o está toda esta cultura. En canto a relixión distinguíase polo panteísmo, o culto ás fontes, ao lume, ás penedas, aos bosques, ás bestas bravas, ao universo cósmico, base dunha rica mitoloxía, rituais e arte en relación co ciclo agrario. Asuntos relixiosos nos que intermediaban os sacerdotes, os druídas, baixo a banda sonora dun universo poético interpretado polos bardos, cantores de nostalxias.

Celtas, os ‘outros’ dos veciños romanos

Respecto aos habitantes prerromanos do Noroeste peninsular son numerosos os datos deixados por viaxeiros e xeógrafos dos anos do cambio de era, como os do grego Strabón que, ao referirse aos ártabros, di que arredor do seu cabo Nerión habitan os célticos. Do mesmo xeito Plinio, natural de Como, que conta que o convento lucense está conformado por pobos de nome bárbaro, entre eles célticos e sitúa na bracarense os kallaicoi que lle darán nome xenérico ao que será a Gallaecia. Plinio refírese á terra dos oestrinnios, así como ao setentrión céltico e aos celtíberos, ao «promontorio céltico» que sitúa en terras dos Arrotebras... e relata que nas cerimonias usan vasos de madeira, que fan festa nas noites de lúa chea e di como os celtas, entre outras costumes como durmir no chan ou lavar os dentes con mexo; refírese a súa dureza e valentía, preferindo a morte antes de entregarse. O norafricano Floro refírese á fazaña de Décimo Xunio Bruto, seguindo o mar, pola que di terra dos célticos, atravesando e desafiando o río do esquecemento, o Leteo. Sumando a interpretación do poema Ora Marítima, no que Rufo Festo Avieno, sc. IV, rememora antigos relatos, como o dos Sefes (serpes) que se da como céltico e que invade o país dos oestrimnios, para chamarse Ophiusa (país de serpes). Engadindo á celtización que os exércitos romanos, no seu ir e vir, estaban conformados por celtas asimilados, da Galia, de Xermania, dos Balcáns... no mesmo templo do Sebateiom da Afrodisisias (Turquia) (sc. I) singularizase en epígrafe o pobo dos Kallaikoi.

Certo que os castros do que sería a Gallaecia serían integralmente romanizados, o latín impúxose, o cristianismo colaborou. Máis velaí as fontes referidas a galaicos como celtas, mesmo epígrafes como a estela de Ambulus, tamarico que di ser céltico (Museo de Lugo), a do Latronius Cieltati filius, de Oimbra; o Celticus de Braga, o Celtius de Balsemao... abundantes igualmente no occidente de Iberia. Tendo en conta ademais as divindades ou indíxenas, como Endovélico, Coventina, Nabia, Coso... así como a abundancia de topónimos de raiceira indoeuropea, como os brig, neme, o devandito de célticos... a singularidade dos castros, como os hillforts británicos, coas súas construcións circulares, as saunas rituais, a abundancia, máis que en ningunha parte, desas insignias de casta e rango, quizais con carácter ritual, os torques, arracadas, así como os machadiños votivos vinculados ao ritual de sacrificios, coa representación torques e do caldeiro, como o de Cariño, Viladonga, Cervo, o do Museo de Pontevedra; as espadas de antenas, a singularidade de escudos, como manifestan no reverso moedas acuñadas no Noroeste no tempo de Augusto, a caetra... a profusión na arte de símbolos cosmogónicos, trisqueles, rosáceas, etc., a perdurable decoración inspirada en cordados, sacada da cestería, do tear. Temas levados a unha non menos singular cerámica feita a man.

Eirín, o espello no que se mirou a Galiza do Romanticismo e do Modernismo, fixo marca súa o sentir celta e así singulariza deica hoxe: música, arte, literatura, misterio, inadaptados e insurxentes... para beber na igualdade e o respecto á natureza. A forza das raiceiras aflora.

Tracking Pixel Contents