Opinión | O grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre como cambiou a costa de Cedeira este ano
O Concello de Cedeira é un dos máis setentrionais de Galicia e da Península Ibérica. Cunha extensión de case 86 quilómetros cadrados, acolle multitude de hábitats naturais nun relevo variado e complexo, desde a Vixía da Herbeira (611 m s.n.m.) ata o litoral. Nos 30 quilómetros de costa cedeiresa, altérnanse treitos acantilados (os da Herbeira son dos máis altos da Europa continental) con caliñas e areais con dunas ou marouzóns, entre os cales destaca a praia da Madalena, na propia vila de Cedeira.
Ata os anos 60 esta zona dunar supoñía o límite suroeste da urbe. Co devir das décadas, foi parcialmente urbanizada, se ben a zona central e sur seguiron conservando a vexetación dunar orixinal. Sucesivas plantacións de arborado alóctono (e tamén autóctono) no areal mudaron as condicións edafolóxicas destes marouzóns. As follas, cortizas e demais restos do arborado sobre a duna aumentaron o nitróxeno dispoñible na area, e permitiu a aparición de nova vexetación no marouzón. Diversas especies de orquídeas silvestres prosperaron alá, ben catalogadas polo divulgador cedeirés Rafael López Loureiro. Costas del Estado realizou actuacións na praia e nas dunas da Madalena nos anos 2001, 2009, 2014 e neste 2025 (marzo-novembro). A desembocadura do río Condomiñas foi intervida cun espigón, e o rego do Piñeiro cunha contención de madeiros. Houbo cortas de vexetación e movementos de area nos marouzóns. Maquinaria pesada nun ambiente dunar sensible, nunha época tamén crítica, en plena nidificación de aves e de floración daquelas orquídeas. Un cambio radical que espertou os receos de veciños e ambientalistas, que se preguntaban ata que punto estas accións puideran ser contraproducentes.
Agora, unha vez «entregada» a obra á cidadanía, cómpre facer balance: descoñécese se o espigón da Condomiña pode alterar a dinámica sedimentaria da zona, que é Reserva Mariña, se ben recentes temporais levaron parte da contención da desembocadura do rego do Piñeiro e reconfiguraron o areal. A maioría do arborado alóctono e autóctono dos marouzóns desapareceu, pero tamén a capa de solo que acollía as orquídeas e outra flora de interese. Houbo movementos e mesturas de terras de incerto impacto ambiental. A escasos metros da zona de actuación, medran especies exóticas invasoras como o plumacho da Pampa e a uña de gato, que probablemente colonicen o marouzón alterado.
O único positivo é que, con algo de sorte e con actuacións posteriores (vixilancia de invasoras, xestión do tránsito de persoas, etcétera), poidan recuperarse algunhas das especies dunares orixinais, como o feo de praia, as leiteiriñas, a sempreviva das dunas, a carrasca de San Xoán e a correola de praia. E mesmo algunha matiña dos paxariños amarelos da subespecie Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis, planta en perigo de extinción.
Conclusión: o G. N. Hábitat expresa as súas reservas perante a temporalidade e alcance desta actuación en Cedeira, se ben ofrécese a axudar na monitorización de especies alóctonas e nativas no marouzón, coa finalidade de garantir a correcta recuperación do ecosistema dunar.
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños»
- Así está la clasificación de Segunda División: gana el Castellón y al Deportivo se aleja del podio de la LIga Hypermotion
- Los vecinos de Seixo Branco, en Oleiros, obligados a pedir vados para evitar problemas en verano
- Todas las claves del fichaje de Riki por el Deportivo: calma tensa a la espera de un movimiento del Albacete
- Sonia García (24 años), camarera coruñesa, opta a ganar el Concurso Camarero del Año: 'Espero dejar a Galicia en la mejor posición
- Luz verde a las demoliciones y reformas de la antigua Alu Ibérica de A Coruña, junto a Marineda, para albergar dos nuevas fábricas
- Pandiani regresa a los banquillos del fútbol español
- Diego Maceiras, dueño del único supermercado de Caión: 'Hemos sobrevivido 50 años gracias al verano