Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

O nacionalismo no exilio (II): a guerra das bandeiras

Comentamos na nosa anterior colaboración o discurso de Castelao Alba de Groria pronunciado en Bos Aires (1948) como portador dunha serie de valores éticos e simbólicos que operan como identidade nacional entre unha poboación privada da súa terra e da súa paisaxe. Con este mesmo obxectivo orientador podemos interpretar e ler os sucesos reivindicativos da nosa bandeira no seo da comunidade galega da capital arxentina. Como é sabido, a proclamación da República (1931) e, moi especialmente, a elaboración do Estatuto de Autonomía de Galicia e o posterior plebiscito (28 de xuño 1936) farán ondear a bandeira de Galicia por todos os currunchos do país. Dous días despois de aprobado o plebiscito, Ánxel Casal, alcalde de Santiago, convoca a todos os partidos e asociacións culturais de Galicia a concentrárense na praza do Obradoiro para, coas bandeiras ó vento, interpretar o himno galego. Foi o albaroque solemne e popular da canonización dos símbolos de Galicia. Pero a partir de 1939 a bandeira galega desaparece engulida pola barbarie franquista e foron moitas as agrupacións patrióticas, xa foran de natureza política ou cultural, que fan desaparecer as súas bandeiras por mor das posibles persecucións ideolóxicas. Lembro que nos anos últimos da década dos 50 do pasado século tocoume ir no «coche do leite» na procura da bandeira galega que nos prestaba Camilo Agrasar para o grupo de teatro Airiños (Asados-Rianxo). As poucas veces en que aparece a bandeira galega despois de 1939 case sempre é de maneira semiclandestina e burlando a prohibición grazas á ignorancia dos propios censores, que non acababan de identificar as colgaduras brancas e azuis como representativas do país. Malia estas circunstancias, a guerra das bandeiras mudou de escenario e tivo episodios senlleiros e representativos nomeadamente en determinados centros asociativos, como Bos Aires, onde os exiliados despregaron unha actividade importante liderados por Castelao. Xa ninguén negaba lexitimidade á nosa bandeira branca e azul pero a diplomacia franquista quere que desapareza dos balcóns dos populosos centros galegos de América. O suceso que evocamos aquí como paradigmático ocorreu no ano 1948 e motivou estes rechamantes titulares do voceiro da Federación de Sociedades Galegas : «Día de Loito para a Galeguidade. O Centro Galego de Bos Aires foi luxado e a colectividade galega foi ferida». O devandito titular temos que enmarcalo na denominada guerra das bandeiras e sabemos da súa intrahistoria grazas a unha tardía crónica dun testigo privilexiado dos acontecementos, Xosé Núñez Búa, que os relata nunha Revoldaina (A Nosa Terra, Bos Aires, xuño, 1969) moitos anos despois.

Todo comezou uns días antes da celebración do Día de Galicia de 1948 cando o presidente do Centro Galego de Bos Aires, Xosé Villamarín, irmán de Benito o que foi presidente do Betis, decide poñer a bandeira franquista a instancias do embaixador español José Mª de Areilza. Nada máis ter noticia Castelao do acontecemento chama ao presidente: «Oia, don Xosé, —berroulle carraxento por teléfono- ou da agora mesmo orde de tirar ese maldito trapo do fronte do Centro, ou non hai aito...E arriouse a bandeira hespañola na casa Grande dos Galegos...». Castelao regalounos nese Día de Galicia o memorable discurso Alba de Groria. E coa bandeira galega ondeando ao vento… no único territorio liberado onde aínda se podían exercer certas liberdades.

Tracking Pixel Contents