Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre como foi 2025 no eido ambiental en Galicia
Estes últimos días de 2025 serven para facer balance do ano en moitos aspectos, tamén no ambiental. Deste xeito, desde o Grupo Naturalista Hábitat afirmamos que, en termos xerais, foi un ano aciago para o medio natural galego. Outro máis sen apenas noticias positivas.
As máis de 150.000 hectáreas de terreo calcinado durante o verán, en máis de 2.000 lumes rexistrados, foron unha enorme perda en termos de vexetación nativa pero tamén de fauna protexida e solo fértil. A moratoria ás novas plantacións de eucalipto activa desde xullo de 2021 demostrou ser un fracaso, con máis de 25.000 novas hectáreas desta especie exótica invasora na nosa terra. Precisamente, o descontrol doutras invasoras, como herbas da Pampa, flores de coitelo, avespas asiáticas ou caranguexos de río americanos, entre outras, acadan niveis moi preocupantes. Doenzas como a gripe aviaria e o botulismo —entre outras—afectan ás nosas aves, moitas delas protexidas.
A degradación actual do territorio galego pode aínda ir a máis, con decenas de novos proxectos industriais e mineiros lesivos co medio natural, como é o caso das celulosas da Ulloa e do lago das Pontes, as minas proxectadas en Touro e na Dorsal Galega e os parques eólicos no porto exterior de Arteixo e tamén no mar fronte ao cabo Ortegal. Especies emblemáticas como o lobo teñen a espada de Damocles da desprotección sobre elas e case todas as especies catalogadas como en perigo de extinción e vulnerables en Galicia seguen se plans de recuperación (ou de conservación) aprobados.
Este panorama escuro non chega a ser negro grazas á acción decidida da cidadanía máis comprometida coa conservación da natureza da nosa terra, que coa súa mobilización na rúa e as accións xudiciais están logrando frear (polo momento) gran parte da febre eólica, denunciando activamente o greenwashing de grandes empresas especuladoras e dificultando a macrocelulosa de Palas de Rei. No día a día, organízanse accións en favor do medio natural en toda Galicia: eliminación de invasoras, limpezas de lixo, compilación de datos de fauna e flora, charlas divulgativas, excursións abertas ao público, etc.
A custodia do territorio avanza e os micromecenados para combater xudicialmente proxectos ambientalmente aberrantes acadan deseguido os seus obxectivos. O G. N. Hábitat está orgulloso de ter contribuído ao longo de 2025 a mellorar a nosa contorna e o seu coñecemento, destacando as máis de 370 actividades organizadas nas que participaron máis de 15.000 persoas.
Conclusión: o G. N. Hábitat láiase outro ano máis do mal estado do medio natural galego, pero seguirá loitando pola súa conservación e restauración, incrementando a masa social crítica coas actuais políticas ambientais e organizando e apoiando iniciativas a favor da nosa biodiversidade. Só así se poderá albiscar un futuro menos sombrío para a nosa terra.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños».
- Los vecinos de Seixo Branco, en Oleiros, obligados a pedir vados para evitar problemas en verano
- Diego Maceiras, dueño del único supermercado de Caión: 'Hemos sobrevivido 50 años gracias al verano
- 1-0 | UD Almería - RC Deportivo, en directo hoy: partido de la Liga Hypermotion en vivo | Descanso
- Una de las familias más ricas de Cataluña, casera de la primera tienda de Zara del mundo, en A Coruña
- La hostelería de A Coruña apuesta por la intermodal: 'Si la zona se revaloriza, queremos ser una de las referencias
- Así está la clasificación de Segunda División: gana el Castellón y al Deportivo se aleja del podio de la LIga Hypermotion
- Luz verde a las demoliciones y reformas de la antigua Alu Ibérica de A Coruña, junto a Marineda, para albergar dos nuevas fábricas