Opinión
Sacarina con alfajores
Estaba a tomar un café nun local céntrico de Madrid, famoso polos seus doces. De feito, para min é unha confeitaría na que tamén serven café, á moda do noso veciño e querido Portugal. Tiña présa e tomei o café na barra, cun pastel pequeno de cabelo de anxo. Púxose ao meu lado un home que pediu un café só dobre. Con sacarina —dixo—, explicando que o seu médico lle indicara que non podía abusar do azucre. Mentres lle preparaban o café, botou unha ollada ás vitrinas dos doces e, sinalando uns alfajores de tamaño XXL, pediu dous. Calculo que cada un debía ter, como mínimo, uns 30 gramos de azucre incorporados. Se temos en conta que un saquiño de azucre contén entre 3 e 5 gramos, o par de alfajores ben podían equivaler a unha ducia de saquiños ou máis. Xa sacará o lector as súas propias conclusións. As miñas son que está ben que tomase o café con sacarina, pero se non azucralo serviulle como descargo de conciencia para liquidar os dous alfajores, mal negocio fixo.
Témome que algo parecido nos está a pasar cando saltan todas as alarmas polo consumo dos centros de datos e de cálculo, pero seguemos contaminando a feito a auga, a desbaldimos como nunca e queimamos o mundo a toda présa facendo o propio cos combustibles fósiles, acelerando así a crise climática e as súas funestas consecuencias.
Dareilles algúns exemplos. Un campo de golf consome ao ano unha cantidade de auga que pode oscilar entre os 150.000 e os 300.000 metros cúbicos. En España hai máis de 400 campos de golf e nos EEUU uns 16.000, o que supón un consumo dunhas 10 veces o lago enteiro das Pontes. Non teño nada en contra dos campos de golf, pero tampouco en contra dos centros de datos.
No que atinxe ao consumo de enerxía, o dos centros de datos calculouse en 2024 en 415 TWh/ano, estimándose que se duplicará con fartura ao final da década. É unha cantidade enorme, pero probablemente inferior nunha orde de magnitude á enerxía consumida polos voos turísticos.
Por suposto que debemos vixiar o consumo destes centros de almacenamento, procesamento e distribución dixital e tratar de reducilo ao máximo, pero tamén, e sobre todo, deberiamos preocuparnos polo que está asociado a usos non prioritarios, como a minaría de criptomoedas, a transmisión de contido multimedia por internet —pornografía en boa medida—, os videoxogos, as apostas en liña e moitas outras cousas que deberían estar máis restrinxidas e algunhas mesmo prohibidas.
Nunca como agora explotamos os recursos do planeta con tanta intensidade, tan pouca regulación e cun reparto tan desigual de beneficios e custos. A auga doce, os solos fértiles, os minerais críticos, a enerxía fósil ou a biodiversidade extráense ou degrádanse a un ritmo que supera a súa rexeneración. Mentres os beneficios concéntranse en moi poucos países, empresas ou persoas, os danos repártense entre todos.
O problema non é só ambiental, senón tamén ético, político, social e económico. Non esquilmamos recursos por necesidade colectiva, senón para soster modelos de consumo e acumulación de riqueza de minorías. Mentres non interioricemos os custos reais e redistribuamos responsabilidades e beneficios, seguiremos sostendo un «progreso» que en boa medida é un adianto do futuro de todos en beneficio do presente dalgúns.
Se ten problemas co azucre, é bo que o suprima do café, pero, sobre todo, non se farte de doces. Nin sequera no Nadal. Boas festas, querida lectora, querido lector.
- El mural de A Coruña nominado a mejor del mundo: pintado en 4 días y con una historia centenaria
- Zara cierra la primera tienda de su historia y anuncia un nuevo proyecto en la calle Compostela
- Investigado un coruñés que circulaba por la AP-9 en una furgoneta a 185 km/h
- ¿Qué es un Zacaffé? La nueva apuesta de Inditex que abrirá a final de mes en A Coruña
- Fin de la tregua de lluvia en A Coruña: vuelven las alertas por temporal costero
- Los 4 mejores sitios para ver el eclipse total de 2026 en A Coruña: 'No debería perdérselo nadie
- El Deportivo sopesa repetir el sistema de confirmación de asistencia en Riazor
- Galicia pasa del diluvio al frío polar: la Aemet avisa de sensación térmica bajo cero
