Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao País

Unha segunda oportunidade para as nosas débedas

Até marzo de 2015 a normativa concursal do Estado español non ofrecía ningunha posibilidade dunha segunda oportunidade para as persoas físicas consumidoras (é dicir, as que non exercen por conta propia actividade empresarial ou profesional ningunha). Aplicábase ferreñamente o principio da responsabilidade universal das persoas debedoras , quen habían destinar todos os seus bens, presentes e futuros, para o pagamento das súas débedas. O concurso destas persoas, nestes casos, liquidaba todos os seus bens, mais as débedas que aínda remanecesen sen pagar despois do procedemento seguía vixente, mesmo dotada de forza executiva. A persoa debedora ficaba morta civilmente, porque só podía salvar o entón moito máis cativo salario mínimo interprofesional (SMI) e, moi parcialmente, as rendas que sobordasen ese SMI. Non podía reconstruír a súa vida económica e adoitaba vivir «en negro» sometida a toda caste de explotacións de persoas (moitas veces de persoas próximas).Unha traxedia persoal e familiar, mais tamén un moi mal negocio para a sociedade, privada da achega tributaria e de cotas da Seguridade Social (SS) desta caste de persoas.

Dende marzo de 2015 até setembro de 2022 estivo vixente unha primeira ferramenta que tentaba garantir unha segunda oportunidade para estas persoas, a medio do beneficio legal da remisión da débeda non satisfeita logo de se realizar todo o patrimonio da persoa consumidora, sempre que fose debedora de boa fe. Mais esta ferramenta era complexa nos trámites, moi rigorosa nos requisitos e non constituía un mecanismo aquelado para salvar a vivenda propia.

As Directivas da Unión Europea impuxéronlle ao Estado español unha reforma desta normativa no beneficio das persoas debedoras e, dende setembro de 2022, rexe unha lexislación concursal que permite evitar a liquidación de todo o patrimonio da «persoa debedora de boa fe» en dous supostos: I) A medio do «plan de pagamentos» evítase a liquidación da vivenda habitual destinando, nese caso e durante 5 anos, as rendas non embargábeis da persoa afectada, e II) Nos «concursos sen masa» (nos que ou non hai patrimonio ningún ou custa máis vendelo ca o que se vai quitar por él ou está gravado ou hipotecado por un valor superior ou semellante), procesos onde se pode obter con certa celeridade a exoneración de todo o pasivo, agás as débedas de Dereito Público. Destas só se poden redimir 5.000 euros da débeda de SS e outros 5.000 euros coa Axencia Estatal Tributaria (AEAT) e un máximo doutros 5.000 euros por cada unha destas dúas Administracións sen superar nunca o 50% da débeda correspondente coas mesmas. Mais o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) xa declarou nunha recente sentenza que só Estados Membros da UE poden limitar a exonerabilidade dos créditos públicos, mais dun xeito motivado, considerando que a lei española carece desta mínima motivación esixíbel.

Cómpre criticar tamén o moi amplo concepto de «persoa debedora de boa fe», que impide o beneficio de obter esta exoneración do pasivo ás que, nos últimos dez anos, teñan antecedentes penais por determinados delitos nos que fosen condenados a máis de tres anos de cárcere, fosen sancionados por infraccións tributarias ou de SS moi graves ou afectados por concursos culpábeis, así como as persoas que acheguen datos falsos ou enganosos ou se endebedasen dun xeito neglixente. Os requisitos non só son rigorosos de máis, senón amplamente interpretábeis no prexuízo de debedoras inequivocamente de boa fe.

Porén, a segunda oportunidade está funcionando, en xeral, bastante acaídamente. Velaí, como proba diso, as cada vez máis abondosas chamadas de atención na prensa xurídica e económica de persoas que exercen labores directivas ou de asesoramento xurídico na banca laiándose de supostos prexuízos para a economía xeral e de supostos abusos, malia padecermos un concepto legal tan rigoroso da «boa fe» esixida para acadarmos unha segunda oportunidade para as nosas débedas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents