Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Fronte á ruda pelexa tabernaria, lectura silenciosa

Mágoa que o proxecto de obras completas de Rafael Dieste, asinado por Jaime Salinas para Aguilar en 1989 e posteriormente asumido por Isaac Díaz Pardo para ediciós do Castro, quedase inconcluso, fanado en definitiva, ao saír unicamente os tomos I (Narrativa e poesía) e o V (Epistolario). Un dos volumes que falta estaba programado para recoller a obra periodística, de gran importancia tanto polo carácter mesurado e reflexivo da mesma como polo ditado ético e moral que supón para a profesión. Efectivamente, como é sabido, os varios centos de artículos que Dieste escribiu na súa etapa viguesa (1924-1927), primeiramente no Faro de Vigo e posteriormente nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego malia estar padecendo a censura da ditadura de Primo de Rivera foi unha etapa esperanzada do periodismo galego onde non faltaba capacidade crítica e un intenso debate que comezaba nos faladoiros vigueses e continuaba nas redaccións. Os nomes de Lustres Rivas, Blanco Torres, Fernández Mato, Euxenio Montes, Amado Villar, Fco. L. Bernárdez, Johan Carballeira, Fernández Armesto, etc., habitantes dos espazos periodístivos vigueses dos anos 1924-1927, xustifican abondo, coas súas diversas traxectorias, as esperanzas iniciais e a dispersión final que provocará a guerra onde non faltarán perdedores —asasinatos, exilio— e triunfadores. Neste ambiente, Rafael Dieste escribiu máis dun artigo diario, indistintamente en galego e castelán, crónicas sen firma e referencias de actos, exposición, conferencias, etc. Unha boa parte dos artigos escritos en galego nesta etapa foron recompilados polo mesmo Dieste e publicados co título de Antre a terra e o ceo (ediciós do Castro, 1981) poucos meses antes da súa morte. Non ocorreu o mesmo cos publicados en castelán, máis dispersos tematicamente pero de indudable interese por canto uns e outros posibilitan no seu conxunto a restauración dun diálogo capaz de tecer o que poderiamos denominar unha «ética periodística», tan necesaria nos tempos actuais. Comeza Dieste por encadrar o «xornalismo vellouqueiro» (El Pueblo Gallego, 18-V-1926) entre as grandes calamidades que padece Galicia: sen severidade crítica, sen vieiro marcado e seguindo en todo o pior dos gustos, que é sempre o dominante porque nunca pensa en erguer o nivel espiritual dos seus lectores. Supoñemos que o lector comeza xa a notar a actualidade destes asertos diesteanos. E aborda Dieste, con este fin, unha posible preceptiva profesional superando a consideración corporativista de «sacerdocio» que se estaba impoñendo entre os periodistas. Aposta por unha definición da arte periodística de modesta e estricta significación: «Conjunto de normas para bien informar, interesar, interpretar y persuadir al público» («El arte del periodista», El Pueblo Gallego, 29 de decembro de 1925).

En sintonía con esta definición rexeita os titulares rechamantes: «Hay que erguirse y gritar contra la estulticia de esos títulos que van invadiendo los periódicos con su grotesco pirueteo... Con esas bromas de mal gusto a costa del dolor fomentan ustedes la creencia de que el periodista es hombre de plebeyo sentir» («Los periódicos», El Pueblo Gallego, 20 de outubro de 1927). Propón, noutro artículo do mesmo ano, o sometimento da prensa a certas condicións para que non sexa embrutecedora: por exemplo, que o respecto preceda ao xuízo para non manchar unha obra con xuízos impremeditados e rotundos; que o periodista estude e lea continuamente sen dar por concluída a autoeducación que o axudará a ponderar o bo gusto e o sentido da nobreza. En fin, que para que a polémica e o debate non tomen o camiño da disputa compre («Entendámonos», El Pueblo Gallego, 18-III-1927) «amostrar capacidade para o diálogo exercitándose en escoitar aos que parezan máis lonxe dela». Talmente a antítese do que podemos escoitar no actual debate político. Diante do insulto tabernario, a lectura poida que sexa unha boa terapia.

Tracking Pixel Contents