Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Economía 2025: mellor que o agardado

A economía española comportouse en 2025 mellor que o agardado: un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) que vai estar preto do 3%. Isto é máis do dobre da media da Eurozona (1,2%): somos motor de crecemento europeo. Galicia rematará lixeiramente por baixo, máis preto do 2,5%.

Que explica este dinamismo? En primeiro lugar, a demanda interna tirou da economía con máis forza da anticipada. O consumo das familias galegas acelerou, apoiado na recuperación do poder adquisitivo dos salarios, o turismo estranxeiro revelouse como outro pilar fundamental, e os fondos europeos do NGEU deron pulo ao investimento e á construción. Pola súa banda, o sector exterior mantivo un mellor comportamento que no resto de España.

Se 2025 foi un ano de sorpresa positiva, 2026 será o da prudencia realista. O PIB de España medrará entre o 2,1% e o 2,4%, e Galicia de novo un pouco por baixo. A inercia de 2025 e a forza da demanda interna seguirán impulsando a economía, pero con menos ar nas velas. Suficiente para seguir creando emprego.

A mágoa é que a parálise reformista na que levamos xa quince anos, con poucas excepcións coma a moi positiva do mercado de traballo na lexislatura anterior, está a limitar as posibilidades de avanzar en benestar e mellorar o funcionamento da economía española e, por inclusión, a galega.

A política non está servindo para resolver os problemas e retos colectivos de fondo. A desafección e o pulo dos partidos populistas e extremistas son consecuencia directa. O Rei Felipe VI tiña razón no se discurso de Nadal. Temos que reaccionar.

Tracking Pixel Contents