Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Soberanismo galego, emprego autónomo e PEMES

Para o soberanismo galego, para o galeguismo político —hoxendía hexemonizado polo BNG— e, por extensión, para o proxecto de país que defende para Galicia, o achegamento ao mundo do traballo autónomo e das pequenas e medianas empresas (PEMES) non é só unha cuestión electoral, senón unha necesidade estratéxica para construír unha alternativa de goberno sólida.

Tradicionalmente, o BNG tivo unha base moi forte no sector público, no estudantado e no sindicalismo. Porén, para acadar unha maioría social ampla precisa conectar con outros sectores e que éstes confíen nel.. Neste senso, o colectivo de autónomos e pequenos empresarios é fulcral na Galicia. Entender os problemas dos autónomos é-tamén entender este país e validar un modelo de xestión.

PP e PSOE adoito teñen espallado, para a súa vantaxe electoral, que o nacionalismo galego nin atende nin entende ás empresas. Mais o certo é que o galeguismo político constitúe a mellor das ferramentas fronte aos resultados lesivos da globalización e do centralismo. As PEMES son, por definición, empresas con centros de decisión en Galicia, o que encaixa perfectamente coas teses do soberanismo a respecto da autonomía enerxética, alimentaria e industrial de Galicia. Un mesto tecido empresarial de PEMES e autónomos achega resiliencia, proximidade e cohesión social: A diferenza das grandes corporacións que poden deslocalizarse ante unha crise, as PEMES teñen un compromiso total co territorio. As PEMES e autónomos crean no interior servizos de proximidade. Sen eles, pérdese a identidade comunitaria e a cohesión social degrádase, tanto nas cidades dormitorio como nas aldeas abandonadas. Por outra banda, mentres que as grandes empresas tenden á concentración de capital, o modelo de PEMES e autónomos permite unha distribución máis capilar da renda entre as familias galegas.

Algunhas das principais propostas económicas do BNG xa encaixan perfectamente coas carencias das PEMES galegas. Velaí unha banca pública que poida cubrir, directamente e sen intermediacións, esa dupla necesidade de atendermos ás economías locais e á innovación, desenvolvemento e acompañamento das PEMES e start-ups, ao xeito das sparkasssen locais e bancos de desenvolvemento territoriais alemáns. . Ou unha tarifa eléctrica galega que reduza os custos enerxéticos ás empresas deste npaís.

Mais outras medidas son precisas. Acompañamento nos procesos de dixitalización e simplificación burocrática (nomeadamente para o sector primario na marxe que permita a seguranza alimentaria), políticas de contratación pública que incrementen as posibilidades de concorrencia e contratación das PEMES galegas e políticas de igualdade, conciliación e garantía da sucesión das PEMES.

Unha referencia obrigada é a necesidade dunha meirande xustiza na progresividade fiscal. Arestora o Estado español aínda non traspuxo a Directiva UE 2020/285 que dispón que os Estados Membros permitan eximir de cargar co IVE facturacións anuais inferiores aos 85.000 € (que ficarían tamén privadas do dereito de compensar o IVE aboado polos seus gastos e investimentos). Esta medida é moi importante para as novas microempresas, nomeadamente as que achegan máis valor engadido profesional, con moi pouco custo para a recadación e importantes beneficios para as economías locais, nomeadamente no medio rural¡, como se ten amosado tanto na Francia como na Alemaña.

Velaí, pois a necesidade de que o BNG equilibre a súa defensa dos dereitos laborais coa comprensión das dificultades burocráticas, fiscais e de financiamento que sofren as PEMES, que adoito sofren a mesma precariedade fronte á banca ou as grandes distribuidoras eléctricas. Actualizando deste xeito unha proposta programática acaída, eficaz e inclusiva na que autónomos e PEMES partillen o centro da atención e sumen na comprensión transversal desta nosa sociedade plural. Será unha fórmula de evidente éxito electoral, mais, por riba de todo, será unha ferramenta infalíbel para facermos un país cohesionado e inclusivo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents