Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Financiamento autonómico: sentimentos encontrados

A proposta presentada o venres pola ministra de Facenda provócame sentimentos encontrados.

En positivo, a proposta deixa atrás a idea dos concertos e da fragmentación da Axencia Tributaria. A literalidade do acordo PSOE-ERC para a investidura de Salvador Illa era preocupante e negativo. Un sistema de concertos sería moi malo para España; e aínda peor para Galicia.

A proposta presentada é de reforma do sistema actual, cun enfoque federalista e non confederalista. Un alivio.

Tamén en positivo, o texto afronta dous asuntos importantes e salientados no Libro Branco da reforma do ano 2017: mellora a suficiencia de todas as Comunidades Autónomas e reduce radicalmente a diferenza entre autonomías en financiamento por habitante axustado, cunhas ganancias que se concentran nas autonomías peor financiadas (Murcia, Comunidade Valenciana e Andalucía).

Tamén hai que celebrar que se vaia recuperar o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) como ferramenta de política rexional. O incremento previsto de 3.000 millóns de euros vai na liña do que levamos tempo demandando.

Asemade, a proposta simplificaría algo o modelo e a súa operativa melloraría: as comunidades autónomas recibirán recurso en tempo real e non con desfases que distorsionan e desincentivan o bo funcionamento do sistema. De novo, en liña co que se reclamaba no Libro Branco.

A partir de aquí as dúbidas e as preocupacións, que se intensifican cando poño o sombreiro de galego. O sistema aposta por un cambio de filosofía, onde os que máis achegan, os ricos, participan máis do incremento nos recursos: en esencia, iso é o que significa o criterio de ordinalidade. O efecto é especialmente claro no caso de Cataluña, pero vese tamén en Madrid, Baleares ou Aragón. E Galicia non sae ben parada nesa operación. En esencia, porque o sistema actual nos trata razoablemente ben en termos comparados e porque a nosa capacidade fiscal está ao redor do 90% da media española.

É certo que gañariamos unha contía absoluta moi importante,587 millóns de euros. Porén, menos que outros. En termos per cápita, dez autonomías gañan máis ca nós e só catro quedan por baixo. E unha vez que temos en conta que os servizos son máis caros en Galicia polo avellentamento e o espallamento, quedariamos nas posicións de cola.

A proposta ten moitas cousas moi boas e supón un paso adiante na dirección correcta para desatascar unha reforma enquistada. Pero coido que, como galegos, non podemos dar por boas as cifras actuais. Toca negociar de xeito construtivo e multilateralmente para mellorar a proposta. Se teño que poñer algunha referencia cuantitativa, e aceptando que é xusto que os peor financiados melloren máis que Galicia, o aumento debera pasar deses case 600 millóns a non menos de 900, para un escenario dunha ganancia global das Comunidades de 21.000 millóns de euros.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents