Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre como están os montes galegos a día de hoxe
Comezamos 2026 «botándonos ao monte» para pulsar a situación actual da foresta en Galicia: primeiro, comentar que hoxe en día a metade da superficie galega está arborada. Deste total arborado, algo máis dun 40% son árbores caducifolias autóctonas, un 30% son plantacións de piñeiro e case un 30% plantacións de eucalipto. Sobre esta última árbore, destacar que, co aninovo, ampliouse a moratoria ás novas plantacións, logo do fracaso da anterior (xullo de 2021-decembro de 2025), que rematou con máis de 25.000 novas hectáreas desta árbore de orixe australiana. Non sabemos se esta nova veda parcial ao Eucalyptus, de difícil aplicación («moratoria-trampa»), vaia poñer algo de couto á tremenda expansión destas árbores con comportamento invasor en Galicia, que en 2024 ocupaban oficialmente un mínimo de 438.156 hectáreas (e quizais xa por riba do medio millón). O novo ano albisca tamén amplas superficies forestais do cadrante sueste galego recuperándose aínda dos lumes do pasado verán. As choivas do outono e do que vai de inverno están a afectar á capa máis superficial (e máis fértil) do solo carbonizado, provocando arrastres cara aos ríos. As políticas forestais a nivel galego seguen sendo contraproducentes para a biodiversidade, e apenas existen plans de xestión correctos para as masas arbóreas da Rede Galega de Espazos Protexidos. As cortas a feito de carballeiras enteiras están á orde do día, mentras árbores exóticas invasoras como as acacias negras (Acacia melanoxylon), mimosas (Acacia dealbata), falsas acacias (Robinia pseudoacacia) e o xa mencionado eucalipto non deixan de aumentar en todo o territorio. Mesmo nos sotobosques comeza a ser preocupante a extensión de herbáceas invasoras como as orellas de gato (Tradescantia fluminensis) e as tritonias (Crocosmia x crocosmiiflora). Paradoxalmente, a imaxe que se vende destes montes desestruturados, explotados intensivamente e con baixa calidade ambiental é de refuxios climáticos nunha Galicia verde. Para iso, hai selos de certificación forestal, como os controvertidos FSC (siglas de Forest Stewardship Council, isto é, Consello de Manexo Forestal) e PEFC (ou Programa para o Recoñecemento de Certificación Forestal), ambos privados e potenciados pola propia industria forestal —que se beneficia finalmente de ditas certificacións—. O outorgamento de selos a madeira procedente de plantacións ilegais, ou resultantes de cortas en espazos protexidos ou valiosos ambientalmente, vén proxectando unha sombra de dúbida sobre o FSC e o PEFC desde hai decádas.
Conclusión: A crise do monte galego segue a preocupar ao G. N. Hábitat neste 2026. Para contrarrestalo, Hábitat seguirá a denunciar plantacións ilegais de especies alóctonas e a destrución de arborado nativo. Ademais, porá o foco en localizar, conservar, recuperar e protexer os bosques tépedos húmidos de Galicia.
- Una andaluza llega a A Coruña y se indigna con este plato: 'no sé si voy a poder vivir con ello
- Las primeras dependientas del Zara de Juan Flórez se despiden de la tienda: «Empezamos a vestir a los niños, después a los niños de los niños y después a los nietos de los niños»
- A Maestranza de A Coruña: de suelo público a viviendas de lujo en diez años
- Pandiani regresa a los banquillos del fútbol español
- Liaño: 'Me duele que se escuchen insultos al Deportivo de una parte de la afición del Racing
- La Policía Nacional y la Guardia Civil despliegan un dispositivo antidroga en varios puntos de A Coruña y su comarca
- La Asociación de Jubilados y Pensionistas de Arteixo cumple 25 años con más de 500 socios: 'La unión hace la fuerza
- A Coruña es la ciudad gallega que mejor superó el bache económico del covid: multiplicó por cinco la distancia con Vigo