Opinión | Olladas ao País
A trampa de certo tipo de autoemprego
Durante a última década, vendéusenos o emprendemento como a panacea contra o desemprego en Galicia. Porén, este inicio de 2026 amósanos unha realidade moito máis amarga na que as estatísticas reflicten un drama humano e económico que afecta a milleiros de familias galegas. Segundo os datos de UPTA (Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos), Galicia pechou o pasado 2025 cunha media de 89 pequenos comercios desaparecidos cada mes. Nos últimos cinco anos máis de 6 mil negocios de proximidade botaron o peche definitivo nas nosas vilas e cidades.
O problema non é só quen pecha, senón quen malvive con moito esforzo e pouco retorno. En Galicia, estímase que entre 27 mil e 30 mil persoas autónomas atópanse nunha situación de inviabilidade técnica. Son persoas que, logo de pagar as súas obrigas legais e gastos correntes, obteñen rendementos netos inferiores aos 900 €/mes, moi por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Son os chamados «autónomos pobres» e proceden maioritariamente dun emprendemento por necesidade: persoas expulsadas do mercado laboral aos 45 ou 50 anos que investiron os seus aforros (e probabelmente capitalizaron a súa prestación por desemprego) nunha pequena tenda (si, a inmensa maioría non son profesionais senón titulares de pequenos comercios) sen un plan de negocio sólido nin formación específica. O resultado é unha trampa de precariedade. Trampa en grande parte inducida pola artificialidade da prescrición do emprendemento como solución acaída e xeral ao desemprego, transmitida polas Administracións Públicas (e certo «lobby do emprendemento») durante e despois da Grande Recesión. Velaí que a UPTA propoña resolver esta fenda a medio da integración destas 27 mil a 30 mil persoas no mercado de traballo por conta allea.
A esta crise cómpre engadir a ferida aberta das aproximadamente 15 mil persoas que operan na Galicia como «falsas autónomas». Sectores como a loxística ou os servizos profesionais (ollo, tamén na avogacía, en clara competencia desleal cos despachos profesionais que si cumprimos coa legalidade) abusan desta fraude para aforrar custos laborais, deixando á persoa traballadora sen a protección social que lle cumpriría como traballadora por conta allea.
Diante desta realidade cómpre que a Xunta e os servizos de desenvolvemento locais axusten a promoción xeral do emprendemento por conta propia á realización de auditorías reais de viabilidade para peneirar a quen se lle pode aconsellar emprender por conta propia e a quen, pola contra, se lle poida aconsellar un peche ordenado, facilitando pontes de recualificación profesional cara sectores con demanda real de man de obra. Neste senso a nova normativa concursal sobre segunda oportunidade, vixente dende setembro de 2022 e que debullábamos hai días nestas páxinas (https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2025/12/30/unha-segunda-oportunidade-as-nosas-125236748.html) pode ser de moi grande utilidade neste proceso de transición.
Porque o obxectivo non é ter moito emprego autónomo, senón que o que exista sexa competitivo, formado e digno. Mantermos artificialmente negocios condenados ao fracaso é unha forma de exclusión social agachada baixo unha pseudoactividade empresarial.
- 2-0 | El CD Castellón supera al RC Deportivo con dos golazos
- Más de 300 estudiantes mensuales en A Coruña para hacer el examen de extranjería: 'Hay mucha demanda
- El orgullo de ser de Monte Alto con un código postal 'de moda': 'Los que somos de aquí pensamos que todo lo demás es peor
- El restaurante de A Coruña para disfrutar de la auténtica pasta italiana: “Esto es como una casa, aquí lo hacemos todo nosotros”
- La huelga de buses seguirá suspendida este lunes a la espera de un acuerdo
- El mal tiempo da una tregua y el Carnaval brilla en A Coruña con Trump como gran protagonista
- La huelga de buses de A Coruña sigue suspendida este sábado, pero sin convenio y sin consenso entre sindicatos
- Usuarios del Talón Restaurante en A Coruña: «Es una forma de salir de casa y socializar»
