Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Sombras interpeladas que nos interpelan

Ben merecería a pena que o Portal das Palabras da RAG e da Fundación Barrié se demorase en elaborar con rigor o perfil semántico da palabra «sombra» que con miles de rexistros literarios desborda as estreitas canles das acepcións recollidas. Para o noso obxectivo concreto limitarémonos ao significado co que perfila esta palabra a obra que imos comentar: «aparición fantasmagórica da imaxe dunha persoa difunta». E que podemos completar coa acepción que da palabra «aparición» adoitan dar os dicionarios de teatro: «aparición» refírese ao momento no que un personaxe (como un fantasma, un deus ex machina ou un elemento sorpresa) se presenta na escena.

Estamos a referirnos á obra, presentada como novela que tamén é, da autoría de Suso de Toro titulada Terra de sacrificio (novembro, 2025). Nela o autor comeza por investigar a historia da relación política entre Castelao e Piñeiro; despois escribe un relato que integra toda a investigación que polo seu estilo e estrutura resulta difícil distinguilo dunha novela porque emprega técnicas propias deste xénero: conta a historia utilizando escenas que pretenden mostrar renunciando ao resumo autorial, que adoita explicar pero é menos dialéctico; prefire o diálogo ao estilo indirecto; presenta os acontecementos desde o punto de vista de alguén que participou neles e, en fin, incorpora detalles sobre a roupa, a apariencia e a linguaxe xestual que na novela realista servían como indicio de clase, personalidade e procedencia social.

Malia a súa recente aparición a obra debeu cobrar xa certa difusión se temos en conta que na última manifestación contra Altri había unha pancarta que rezaba «Galiza non é terra de sacrificio» inspirada, pode ser, no texto devandito (pax. 163) cando o autor interpela retoricamente a Ramón Piñeiro: E a onde nos conduciu o camiño que propiciaches? A isto, a ser terra de sacrificio, unha agra aberta a onde todos veñen e da que todos veñen levar.

Comezaremos por dicir que na obra de Suso de Toro, coma en todo pensamento complexo que se quere simple, hai un drama sen solución dramática, que é tanto como dicir que non hai un desenlace claro e catártico —feliz ou tráxico— ; polo contrario o conflito plantexado persiste e segue a interpelarnos nos lectores da obra convertidos en personaxes dramáticos.

Este desenvolvemento da obra no fío de varios xéneros —novela, teatro, entrevista, conversación— non fai máis que saudar o ingreso da obra na poética creativa de Suso de Toro: heterodoxia, interrogacións que non acadan respostas definitivas, a literatura como fonte necesaria da historia e, nomeadamente, recorrer a historia a contrapelo (W. Benjamin) como acción de resistencia contra a barbarie interpretativa do pasado da historiografía oficial. Mesmo como ensaio, que tamén é, non deixa de ser un diálogo inacabado que incita ao lector a participar e reflexionar, estendendo o faladoiro fóra do texto. Non se trata dun texto escrito para que guste ao lector, trátase dun libro necesario que chama á reflexión sobre episodios da nosa historia condenada desde sempre ao autodidactismo por carecer de institucións docentes continuadoras e fiables.

De aquí que Castelao vise como esperanza a nosa tradición fronte da historia, tal como expresa no discurso Alba de Groria. Suso de Toro, ao contrario doutros autores coetáneos, nunca gozou do beneplácito de certas institucións para que a súa heterodoxia fose minimamente aceptada socialmente. Mesmo hai unha tendencia interesada a querer presentar a súa obra como máis importante polo que pode dar que falar que polo que quere dicir o autor. Si, pode ser, pero hai que ler a Suso de Toro... se queremos albiscar unha realidade alternativa máis alá dos límites da oficialidade institucional como fixeron Ferrín e Mourullo, que se rebelaron contra o catecismo piñeirista, escritores aos que está dedicada a obra Terra de sacrificio.

Tracking Pixel Contents