Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Paula Fernández Moure e Antón Prego Areal

Sobre os tesouros naturais do concello de Pontedeume

Dentro da provincia da Coruña, o concello de Pontedeume eríxese coma un espazo de especial importancia ambiental. A presenza do Parque Natural, do río Eume, e do esteiro na súa desembocadura, converten este territorio nun espazo de gran singularidade ecolóxica. Así e todo, este valioso patrimonio natural non fica alleo ás presións derivadas do modelo urbanístico que topamos nos municipios costeiros.

Se analizamos os distintos valores naturais do concello, destaca especialmente o esteiro do Eume. A declaración como Zona Especial de Protección de Aves (ZEPA) de toda a zona marítima da vila e de parte do esteiro, non é casual. Esta zona, moi aprezada polas persoas afeccionadas á ornitoloxía, funciona como un refuxio ecosistémico para unha elevada diversidade de avifauna invernante. Ademais, se nos somerxemos na ría, atopamos parches de pradarías de Zostera marina, un hábitat mariño clave para numerosos invertebrados e peixes. Con todo, a súa integridade ecolóxica vese ameazada pola presenza da ostra asiática (Crassostrea gigas), unha especie exótica con gran capacidade invasora que xa está a alterar a dinámica natural do esteiro.

Cara ao interior rural atópase o Parque Natural das Fragas do Eume. A pesar da súa relevancia ambiental, e ser ademais Zona Especial de Conservación (ZEC), está afogado polo eucalipto. Esta ameaza avanza desprazando aos bosques autóctonos, que serven de refuxio a auténticos relictos do pasado, como o fento do botón (Woodwardia radicans), de grande interese biolóxico, e presente tamén na parroquia de Centroña.

Así, estes puntos quentes de biodiversidade no municipio van quedando reducidos a pequenas áreas ás que o ser humano apenas accede a pé. Non obstante, a presión chega igualmente a través de especies vexetais ornamentais introducidas, como é o caso do nocivo xenxibre do Himalaia (Hedychium gardnerianum).

Esta elevada transformación do territorio afecta tamén ao emblemático monte de Breamo. Historicamente coñecido por ser un espazo agrario con sebes, mananciais e regatos; queda agora reducido a un monte de explotación madeireira que perdeu o seu potencial ecolóxico.

Conclusión: resulta fundamental protexer e conservar o patrimonio natural e a riqueza biolóxica que alberga o concello de Pontedeume. A inclusión de medidas ambientais axeitadas e a mellora da Infraestrutura Verde, reforzaría a conectividade ecolóxica do territorio. Isto, sumado unha maior concienciación da cidadanía, permitiría reforzar a identidade deste concello tan querido e avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co medio.

Tracking Pixel Contents