Opinión | Olladas ao País
A grave deterioración da sanidade pública galega
Non sei vostedes, mais eu penso que estamos a vivir un proceso de deconstrución (moit@s pensan que programada) do noso Servizo Galego de Saúde (Sergas). A nosa sanidade pública, noutrora excelente, hoxe esboróase baixo unha xestión que semella máis centrada no equilibrio contable que na dignidade vital dos galegos e galegas.
A asistencia primaria, a verdadeira trabe mestra de calquera sistema público de saúde, atópase nun estado de agonía técnica. Non é un accidente; é o resultado dunha estratexia de descapitalización de recursos humanos. Cando un cidadán da Coruña, de Vigo ou de calquera vila do interior ten que agardar dúas semanas por unha cita telefónica, non estamos ante un problema de xestión de axendas, senón ante unha vulneración do dereito á protección da saúde consagrado no artigo 43 da Constitución. A falta de substitucións e a precariedade dos facultativos están a converter os nosos centros de saúde en simples muros de contención burocrática, expulsando ao paciente cara ás urxencias hospitalarias ou cara ao sector privado, para quen poida pagalo. Os Orzamentos Xerais da Xunta para 2026 só destinan á mesma o 14,3% do gasto sanitario, fronte ao 25% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
Se ollamos cara aos hospitais, a situación non é menos alarmante. As listas de agarda estruturais son o síntoma dunha doenza máis grave: a priorización do concerto privado sobre a suficiencia pública. O gasto sanitario privado na Galicia acada xa o 28,4% do gasto sanitario total, mentres medran os concertos coa sanidade privada e mantense o concerto singular con Povisa, garantíndolle ao seu propietario case 100 M€/ano. A saturación das urxencias deste inverno, coincidente coa tempada de meirande incidencia das enfermidades respiratorias, con doentes amoreados en corredores, é unha estampa que luxa a nosa calidade democrática.
Se a diagnose xeral da sanidade galega é preocupante, o que está a suceder nas nosas comarcas rurais e coa xestión dos tempos de agarda supón, de facto, a instauración dunha cidadanía de segunda clase. O principio de igualdade territorial está a ser dinamitado dende as propias consellerías de Sanidade e Facenda.
No rural galego, a sanidade non só está deteriorada, está en proceso de desmantelamento activo. A supresión de prazas de pediatría en vilas enteiras e a política de puntos de atención continuada (PAC) baixo mínimos constitúen un convite formal ao invitación ao abandono do territorio. Un veciño da Montaña luguesa ou do interior de Ourense ten que percorrer moitas veces trinta ou corenta quilómetros para atopar un médico de garda. Negarlle a un neno do rural un pediatra non é un aforro; é unha traizón ao mandato estatutario e unha condena á desertización do noso rural, cos gravísimos efectos ambientais, económicos e humanos que tan ben coñecemos.
Canto ás listaxes de agarda hospitalaria, constitúen un exercicio de opacidade que soborda os límites a deslealdade institucional, ao usaren unha arquitectura contábel creativa para agochar o tempo real que un doente agarda por unha cirurxía ou unha proba diagnóstica. No canto de dotar de persoal e quendas de tarde aos nosos quirófanos públicos —infrautilizados pola falla de medios humanos—, desvíanse as persoas usuarias cara á sanidade privada. Isto non reduce a agarda, senón que debilita o músculo público para facer máis forte o negocio duns poucos.
A sanidade pública galega non se pode medir en balances de perdas e ganancias, senón en vidas salvadas e sufrimento evitado. Unha espera de seis meses para unha resonancia é unha sentenza de incerteza—con risco de morte ou lesións graves— que o sistema non ten dereito a impor.
Velaí a urxencia do Plan de Choque que a Plataforma SOS Sanidade Pública e as organizacións que a integran, canda o BNG, veñen reclamando para blindar a atención no rural, por fin á maquillaxe das listas de agarda e priorizar os medios materiais e persoais públicos fronte ao negocio privado da saúde.
Suscríbete para seguir leyendo
- Suspendida este viernes la huelga de buses en A Coruña a la espera de un acuerdo entre sindicatos
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo
- Luz verde ambiental para la construcción de 160 viviendas en A Penouqueira, en Arteixo
- Nuevo espaldarazo de la Justicia al derribo de la torre de Mera
- Los accesos a la intermodal de A Coruña entran en la recta final
- Medio siglo en Os Castros: el bar de las ligas de mus que conquista con su tortilla casera
- La alcaldesa de A Coruña anuncia que 'en próximos días' una nueva empresa asumirá el Programa Lecer
- La borrasca 'Oriana' entra en Galicia con una masa de aire polar: así afectará a A Coruña
