Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

O oficio de narrar as guerras (VII): Martha Gellhorn

Tense dito, con razón, que as guerras converteron a moitos escritores en periodistas o que non fai máis que confirmar a difusa fronteira entre ambas actividades, tantas veces apuntada pola crítica. É o caso da novelista e escritora de viaxes Martha Gellhorn (Estados Unidos, 1908-Reino Unido, 1998), que despois de estar presente en máis dunha ducia de conflitos bélicos ao longo do século XX está considerada unha das grandes correspondentes de guerra da súa época. Formou xunto con Nancy Cunard, Josephine Herbs, Gerda Taro, Sylvia Townsend un grupo de mulleres que, cada unha á súa maneira, se negaron a vivir a vida que lles ofrecía a sociedade da época. Todas participaron na guerra de España conscientes de que estaban a reescribir o papel que figuraba no guión oficial que lles entregaran do mesmo xeito que xa tiñan feito Carmen de Burgos «Colombine», cronista do desastre do Barranco del Lobo en 1909 ou a galega Sofía Casanova na primeira guerra mundial.

Cando Martha Gellhorn chega a España na primavera de 1937, sen acreditación oficial, tivo que cruzar clandestinamente a fronteira e arriscarse, como muller, en cada viaxe e en cada bombardeo sobre a capital, nese momento asediada e falta de recursos. Pero estaba alí, coma outras correspondentes, porque entenderon a guerra de España como unha oportunidade para deter o avance global do fascismo, oportunidade que non contemplaban os seus propios gobernos que negaron a axuda necesaria ao goberno da República. Malia que se infiltrou nun barco hospital para cubrir o Día D do desembarco en Normandía adiantánndose ao daquela seu marido, E. Hemingway, adoitaba dicir, referíndose á guerra de España, «soamente se pode amar unha guerra, logo fas o teu traballo». A verdade é que me reencontrei con Martha Gellhorn grazas aos azares e á maxia que sempre proporcionan os libros: por unha parte no número 26 (outono de 2025) da versión española da revista Granta reprodúcese un maxistral fragmento das crónicas que a escritora dedicou á invasión de Panamá por parte de EEUU para derrubar ao xeneral Noriega en decembro de 1989, acusado igual que Maduro de narcotraficante; por outra parte quixo o azar que lese un libro de Sarah Watling (Mañana tal vez el futuro, (Taurus, 2024), título tomado do extenso poema de Auden «España»), no que reúne arredor da guerra de España os nomes de seis mulleres capaces de tecer unha historia diferente, convencida a autora de que os homes famosos non son o único que hai que coñecer sobre a guerra civil española. Martha, efectivamente, non escribía para un xornal, os seus escritos eran para a revista semanal Collier´s, lida por máis de dous millóns de lectores pero que non a obrigaba a facer un resumo dos acontecementos diarios. Con razón adoitaba dicir «eu non escribo noticias como vostedes, cabaleiros. Eu escribo historia».

Martha non se acobardaba nin nas peores circunstancias que lle tocou vivir. Sabía que os periodistas eran fundamentais para intentar que franceses, británicos e estadounidenses cambiasen a súa política de non intervención cando Alemania e Italia xa estaban axudando con medios poderosos ao exército rebelde. A maioría da xente non podía viaxar a España e ver os bombardeos sobre Madrid e as principais capitais e Martha aspiraba a ser «os ollos da conciencia dos demais». Cando regresaba do Salvador, a súa séptima guerra, en 1983, fixo unhas declaracións nas que insistía no carácter ético e honorable do periodismo que implicaba tanto a reporteiros como lectores. Insistía unha e outra vez na escena da cola que gardaban as mulleres en Madrid para recoller unha laranxa para os seus fillos. Non se asustaban nin se arredaban cando oían os avións que chegaban para soltar a súa carga de morte. Deste actitude tomou entre o seu léxico certas palabras dotadas dunha sólida nobreza —«espera», «forte»— que lle parecía unha grosería cuestionalas. «Estaba convencida, como Simone Weil, de que unha escritora debe ver cos seus propios ollos e vivir a súa propia experiencia e debe asegurarse de que sabe do que está escribindo» (Sarah Watling).

Tracking Pixel Contents