Opinión | O grupo naturalista Hábitat opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre as educacións ambiental, ecosocial e curricular
Mañá, luns, é o Día Mundial da Educación Ambiental. Nun día tan sinalado, cómpre definir ben este concepto, así como outros similares —por exemplo educación ecosocial e curricular—. Por unha banda, segundo o Congreso Internacional de Educación e Formación sobre Medio Ambiente (ano 1987), educación ambiental definiríase como «un proceso permanente no cal os individuos e as comunidades adquiren conciencia do seu medio e aprenden os coñecementos, os valores, as destrezas, a experiencia e tamén a determinación que os capacite para actuar, individual e colectivamente, na resolución dos problemas ambientais presentes e futuros». Este é o concepto máis popular e (quizais) máis intuitivo, e baixo o que se teñen feito multitude de aulas, talleres, excursións e publicacións.
Por outro lado, «educación ecosocial» é, segundo Educo.org, «un tipo de educación que pon a vida no centro da actividade escolar, analizando a interdependencia e ecodependencia, e actuando para transformar o centro educativo e a contorna ecolóxica e social». Estariamos a falar, pois, dun tipo de educación ambiental máis proactiva e comprometida, formando persoas máis críticas co que acontece ao seu arredor.
Por último, a «educación curricular» é, simplemente, a baseada nas ferramentas empregadas polo colectivo docente para establecer plans e metodoloxías de estudo, así como procedementos de ensino en todos os niveis educativos.
Por tanto, a educación curricular é a «básica» no ensino, a educación ambiental a de «contidos mínimos» no relativo á aproximación á natureza, e a educación ecosocial é a máis «proactiva» e «crítica».
Acontece que, hoxe en día, a educación curricular está a ignorar cada vez máis a educación ambiental e, cando se aborda nas aulas, é a miúdo de forma marxinal, apresurada e sen apenas espírito crítico. Obviamente, hai excepcións: docentes e centros educativos que profundizan na educación ambiental para ofrecer ao alumnado algo case homologable a unha verdadeira educación ecosocial.
A velocidade de degradación do medio natural, parella a unha poboación mundial crecente —cada vez máis individualista e ávida de bens de consumo—, precisa un compromiso redobrado por parte da humanidade no relativo a conseguir un modo de vida sostible ecolóxica e socialmente. Isto só pode lograrse ampliando o coñecemento sobre a natureza que nos rodea, espoleando os xestos cotiáns a favor desa sostibilidade ambiental (e non limitala só a Reducir-Reutilizar-Reciclar), fomentando o espírito crítico perante a desinformación e logrando, en definitiva, unha conciencia colectiva suficiente para parar a mencionada degradación ambiental que padecemos.
Conclusión: sendo fieis ao lema «estudar para conservar», o G. N. Hábitat leva desde o ano 1979 contribuíndo a realizar unha educación ambiental constante e contrastable, pivotando no coñecemento, a acción e a divulgación. É intención do grupo continuar nesta liña, explorando dentro do posible estratexias máis próximas a esa educación ecosocial que semella, a día de hoxe, a máis necesaria e urxente.
- Suspendida este viernes la huelga de buses en A Coruña a la espera de un acuerdo entre sindicatos
- La borrasca 'Oriana' entra en Galicia con una masa de aire polar: así afectará a A Coruña
- Desfile de Carnaval en A Coruña: recorrido completo y cortes de circulación
- Estos son los cuatro barrios de A Coruña en los que habría que prohibir nuevos pisos turísticos, siguiendo el criterio del Concello
- La alcaldesa de A Coruña anuncia que 'en próximos días' una nueva empresa asumirá el Programa Lecer
- La huelga de buses de A Coruña sigue suspendida este sábado, pero sin convenio y sin consenso entre sindicatos
- García Seoane reconoce un 'problema serio' para llegar a un acuerdo con los propietarios de la torre de Mera
- Medio siglo en Os Castros: el bar de las ligas de mus que conquista con su tortilla casera