Opinión | Cifras e letras
A IA na economía galega
Con este título acaba de publicarse o documento que cada ano acompaña o informe A Economía Galega, elaborado polo IDEGA. É de acceso libre, así que se quere saber mais do que aquí lle conto, pode descárgalo de internet.
Galicia non é unha excepción, así que tamén o noso país enfronta un desafío económico que transcende os debates convencionais sobre emprego, produtividade ou crecemento: a integración da intelixencia artificial no seu tecido produtivo e social. O mencionado informe, coordinado por min e elaborado xunto con expertos en dereito e economía e empresa cunha ampla traxectoria académica —Marcos Almeida, Luís Miguez e Luís Otero—, ofrece unha visión detallada e reflexiva sobre como as tecnoloxías intelixentes están a transformar e, sobre todo, poden transformar a estrutura económica e laboral de Galicia.
A IA non é unha senón un conxunto amplo e diverso de métodos e ferramentas que poden automatizar, ampliar ou acelerar procesos produtivos e fomentar a innovación en servizos e produtos en todos os sectores da actividade humana.
Galicia mantén un ritmo de crecemento económico resiliente, sustentado na súa capacidade industrial e no dinamismo exportador —aspectos que poderían beneficiarse da adopción de solucións baseadas en IA para optimizar cadeas produtivas e mellorar a competitividade—. Con todo, o informe advirte de que o impacto real no tecido produtivo galego dependerá de múltiples variables: o ritmo de adopción tecnolóxica, a adaptación das empresas (especialmente das pequenas e medianas, mais atrasadas en xeral que no conxunto do Estado), a oferta de capital humano cualificado e a existencia de marcos normativos e de incentivos que favorezan a innovación sen incrementar as desigualdades.
Un dos capítulos máis debatidos do informe refírese ao impacto de a IA no mercado laboral. A IA ten o potencial de automatizar tarefas que consideramos de menor valor engadido e tamén de crear novas ocupacións e perfís profesionais. Pero tamén pode destruír moito emprego pola automatización de tarefas cognitivas, cunha incidencia especial nos xoves con formación académica que buscan a súa incorporación ao mercado de traballo. En todo caso, máis aló dos debates sobre perda ou creación neta de emprego, o informe insiste na necesidade de políticas públicas que se anticipen ao desemprego tecnolóxico e favorezan a reconversión profesional e a formación continua, así como a aposta por sectores con maior potencial de valor engadido.
Precisamente a educación en e con IA é unha necesidade ineludible e urxente, e require dunha reforma profunda da educación en todas as súas etapas. Debemos aproveitar as tecnoloxías intelixentes para mellorar o ensino-aprendizaxe. A IA ofrece xa ferramentas capaces de avanzar na personalización da aprendizaxe, mellorar a avaliación, incluída a autoavaliación, e ampliar e facilitar o acceso ao coñecemento. Ao mesmo tempo, resulta esencial que a formación inclúa a adquisición de coñecementos sólidos e destrezas prácticas en IA, non só para comprender o seu funcionamento, senón tamén para o seu uso profesional nas distintas disciplinas do saber.
A adopción efectiva da IA na economía galega non pode separarse dun entorno regulatorio claro e dunha reflexión profunda sobre os aspectos éticos e sociais. O Regulamento de IA da Unión Europea é o resultado de buscar un equilibrio entre a innovación e a protección de dereitos civís e sociais. É o noso marco de referencia obrigada, pero hai espazo para o desenvolvemento normativo e ético a nivel autonómico. Iniciativas como o Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027 da Xunta de Galicia apuntan cara a unha estratexia coordinada, que busca incorporar a IA tanto na administración pública como no sector produtivo, promovendo sinerxías interdepartamentais.
O noso informe non busca só describir unha parte da realidade da economía galega e das posibilidades que lle brinda a IA, senón subliñar a oportunidade histórica para reconfigurar a economía galega se a adopción da IA se acompaña de políticas públicas intelixentes e da implicación de todos os axentes sociais.
Atrevémonos tamén a facer algunhas recomendacións:
Fortalecer a formación e a cualificación profesional, co obxectivo de reducir o desaxuste entre as capacidades da forza de traballo e as demandas tecnolóxicas emerxentes.
Promover incentivos fiscais e programas de apoio á innovación nas pemes galegas para a adopción de tecnoloxías de IA.
Desenvolver marcos normativos e éticos robustos, que protexan dereitos fundamentais e fomenten a confianza social na IA.
Fomentar a colaboracións público-privada e entre centros de investigación e empresas para lograr a transferencia tecnolóxica.
Non quixemos ser orixinais, senón pragmáticos e realistas.
Suscríbete para seguir leyendo
- El Ayuntamiento de A Coruña anuncia una campaña de inspección de pisos turísticos, de los que prevé cerrar más de 700
- Una tala marca el inicio de los trabajos en la futura urbanización de A Xunqueira, en Oleiros
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo
- Doble protesta de transporte en A Coruña este miércoles: huelga indefinida de bus y paro de algunos maquinistas
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- Luz verde ambiental para la construcción de 160 viviendas en A Penouqueira, en Arteixo
- Nuevo espaldarazo de la Justicia al derribo de la torre de Mera
- La borrasca 'Nils' entra en Galicia con alerta roja en A Coruña por olas de 9 metros
