Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao País

Absolución penal compatíbel coa gravísima responsabilidade política

A sección compostelá da Audiencia vén de revogar parcialmente a sentenza do Xulgado do Penal nº 2 da mesma cidade no que atinxe á condena de Andrés Cortabitarte, director de Circulación de Adif por 79 delitos de homicidio e 143 de lesións causados por imprudencia grave profesional. Porén, mantén a condena do maquinista do Alvia, Francisco J. Garzón, polos mesmos delitos, á pena de 2,5 anos de cárcere e 4,5 anos de inhabilitación profesional e mellora as indemnizacións ás vítimas ao xeralizar a recarga do 50% polo dano moral extraordinario sobre as indemnizacións de base determinadas consonte ao baremo para os accidentes de tráfico, aplicado analoxicamente.

A sentenza decidiuse por maioría: dúas maxistradas votaron a prol e unha terceira (Marta Canales) en contra. Xa que logo, esta maxistrada formulou un voto particular discrepante aliñado co axuizamento que fixera a titular do Xulgado do Penal 2 compostelán, Elena Fdz. Currás, a respecto da condena de Cortabitarte na sentenza de instancia.

A maxistrada de instancia e a maxistrada discrepante valoraron dun xeito singular o informe emitido pola Axencia Ferroviaria Europea (ERA) no 2016 (posíbel só pola teimosía da eurodeputada do BNG Ana Miranda e que determinara que unha outra composición persoal do tribunal que agora absolveu a Cortabitarte considerara que habería ser axuizado) chegaron á conclusión da culpabilidade de Cortabitarte. Para a ERA a Comisión investigadora nomeada polo Ministerio de Fomento non era imparcial, sendo a seguranza ferroviaria incompatíbel coa situación creada dende a estrea da liña de velocidade alta Ourense-Santiago de Compostela en decembro de 2011, por ter omitido a operatividade do sistema europeo ERTMS nos seus últimos catro km. Este sistema europeo tería advertido a omisión do maquinista ao executar a obrigada rebaixa de velocidade a 80 km/h antes de tracexar a curva d´A Grandeira onde se produciu o sinistro.

Dende estes parámetros para a maxistrada Canales (como no verán de 2024 para a maxistrada Fernández Currás) Cortabitarte estaba claramente obrigado, no momento de posta en servizo da liña, a unha avaliación acaída de todos os riscos asociados á mesma —incluída a devandita curva— e non o fixo. Cortabitarte asumía unha posición de garante a respecto da seguranza da liña, con capacidade real e concreta para eliminar ou reducir riscos como os que causaron o accidente. Ao omitiren avaliacións de riscos esixíbeis normativamente xerouse un incremento de riscos que contribuíu a causar o accidente, nunha moi alta probabilidade próxima á certeza. Logo existiría imprudencia grave profesional no sentido xurídico-penal do termo.

Porén, para as maxistradas que asinan o fallo absolutorio para Cortabitarte, da avaliación conxunta da proba practicada non ficou acreditada a esixibilidade dunha avaliación de riscos alén da normativa e protocolos vixentes en cada intre no estado español. Non existía tampouco unha obriga de instalar o sistema europeo de freado automático ERTMS. En último de contas, consideran que non se dá relación causa-efecto entre as omisións de determinadas actuación de prevención e o resultado do accidente co grao de alta probabilidade esixíbel.

A sentenza xa é definitiva, pois que a investigación abriuse antes da reforma da Lei de Axuizamento Criminal no 2015, que creou os recursos de casación para as sentenzas das Audiencias que resolvan apelación de sentenzas do Xulgado do Penal. Só un recurso de amparo constitucional alicerzado na falla de motivación ou na ilóxica avaliación da proba sería teoricamente viábel. Mais, aínda que partille como máis acaídas as teses da sentenza de instancia e do voto particular, penso que a sentenza da Audiencia ten unha motivación que non é ilóxica nin arbitraria, malia que poida non ser a máis acaída.

A aseguradora de Renfe (Allianz) ten cobertura abonda para cubrir todas as indemnizacións, mesmo cos seus xuros de demora da lexislación de seguros (20% dende o 24.07.2015). Mais os termos da sentenza de instancia e do voto particular ábrenlle a porta ao estudo e, seica, interposición dunha demanda contra a aseguradora de Adif na orde civil, pois que semella bastante evidente que si existe culpa ou neglixencia imputábel a Adif no sentido xurídico-civil do termo, certamente menos rigorista que os principios do Dereito Penal.

De calquera xeito, dende a perspectiva da responsabilidade política, non pode tirarse sen máis que aquí só existiu unha conduta neglixente do maquinista. Como expresou o informe da ERA, a circulación a esas altas velocidades esixía un sistema —o ERTMS— que puidese corrixir unha eventual omisión do maquinista. E este sistema, previsto para a liña, non estaba operativo no intre do accidente por unha decisión expresa e desaquelada de Adif. Velaí as claras responsabilidades políticas dos cumios do Ministerio de Fomento do socialista José Blanco (que autorizou a apertura da vía en decembro de 2011) e da popular Ana Pastor (que non adoptou as medidas de prevención acaídas dende fins do 2011 até o 24 de xullo de 2013).

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents