Opinión
Películas académicas (I)
Nos últimos tempos sopran ventos convulsos para a Real Academia Española (RAE) que está sendo branco de comentarios periodísticos onde as palabras «ataques», «feridas», «traicións», «inimigos», etc. apuntan a unha situación bélica provocada e iniciada pola denominada «linguaxe inclusiva», problema esencialmente ideolóxico e de escasa relevancia lingüística.
En efecto, o clima de confrontación que está a padecer a RAE actualmente ven propiciado, entre outras razóns, pola natureza ideolóxica do seu propio traballo: as academias traballan con palabras que son dominio preferente das ideoloxías tal como ten demostrado a escola de Batjin (1895-1975) que cualificou a lingua como o dominio preferente das mesmas e onde facer un dicionario nunca é unha tarefa inocente e neutra porque delimitar o sentido continuo das palabras non pode facerse máis que a través dunha práctica ideolóxica concreta.
Xa que logo, nada debería ser máis natural e consecuente que o debate no seo dunha institución, a RAE, que traballa con material explosivo. Polo contrario, resulta insólito que con máis de tres séculos de vida traballando permanentemente con material altamente inflamable non tivese percances significativos. Unha gozosa estabilidade á que non debe ser allea a súa estreita relación co poder xa que tanto a RAE como a Académie Française (1635) teñen en común que ambas tiveron a súa orixe nun faladoiro que acadou sona polo seu prestixio humanístico.
Non perdeu ocasión o cardeal Richelieu para facerse convidar (á forza) e deulle carácter oficial á tertulia de humanistas, dotouna dun presuposto oficial e encargouna de elaborar un dicionario. Esfarelou o faladoiro para convertelo nunha institución ao servizo do Estado. Seguiu o mesmo camiño que as Universidades, que inicialmente eran reunións estudiantís que contrataban profesores ata que, primeiro a Igrexa e despois o Estado as oficializaron para ter o control das mesmas.
Probablemente a sosegada hibernación que viviu a RAE ao longo de tantos anos teña relación directa co amparo e protección que exerceu o Estado desde a súa fundación (1713) na figura do rei Felipe V que lle encarga a un grupo de homes selectos a preservación dunha lingua que acadara a máis alta consideración e cumpría protexela de contaminacións alleas ata o punto que se recolle no seu lema ese espírito purista.
Porén outras institucións semellantes destinadas a cumprir os mesmos fins, concretamente a Real Academia Galega RAG, fundada en 1906 por un grupo de rexionalistas que se reunían nun faladoiro presidido pola autoridade de Manuel Murguía, será fustigada e abaneada xa antes da súa existencia de iure ao carecer da protección do poder e que a duras penas consegue que se lle conceda o título de Real despois de arduas xestións.
Os contertulios da despectivamente denominada Cova Céltica e fundadores da Academia —Murguía, Uxío Carré, Lugrís, Vaamonde Lores, Tettamancy etc—pretendían demostrar a singularidade da cultura galega que, con lingua propia de uso maioritariamente oral por falta de unidade gráfica, aspiraba a ser considerada nación. Contra esta pretensión alzáronse as voces iradas dun grupo de cidadáns empeñados en desprestixiar o que non era máis que un proxecto tan audaz como minoritario.
Tiveron os rexionalistas que soportar unha campaña de prensa dos antirrexionalistas —Fernández Flórez, Leopoldo Pedreira, García de la Riega etc.— pero nada comparable á pluma afiada e soez do atrabiliario José Mª Riguera Montero; este montou unha campaña de prensa con todo tipo de descualificacións onde non faltaron numerosos panfletos que circularon moitos anos antes de chegaren a ser libro co título de Películas Académicas entresacadas de una copiosa y selecta variedad (1908) que asinaba como Ramón Erotiguer, pseudónimo que contén todas as letras dos seus apelidos, probablemente por non atreverse a subscribir os insultos que contiña a publicación.
Tal era o acoso, comezado uns anos antes de constituírse a RAG, que Murguía optou por denuncialo xudicialmente diante da Audiencia Provincial. Un auto de 6 de xuño de 1906 denega a admisión da querela interposta con argumentos tan peregrinos como os insultos denunciados. Como podemos comprobar a RAG non gozou dunha travesía tranquila e os seus 120 anos de historia están cheos de sobresaltos e atentados porque hai outras moitas películas protagonizadas pola Real Academia Galega á espera de ser relatadas e das que esperamos ocuparnos en sucesivas entregas.
- El Ayuntamiento de A Coruña anuncia una campaña de inspección de pisos turísticos, de los que prevé cerrar más de 700
- Una tala marca el inicio de los trabajos en la futura urbanización de A Xunqueira, en Oleiros
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo
- Doble protesta de transporte en A Coruña este miércoles: huelga indefinida de bus y paro de algunos maquinistas
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- Luz verde ambiental para la construcción de 160 viviendas en A Penouqueira, en Arteixo
- Nuevo espaldarazo de la Justicia al derribo de la torre de Mera
- La borrasca 'Nils' entra en Galicia con alerta roja en A Coruña por olas de 9 metros
