Opinión
As fronteiras non só separan territorios, senón dereitos
Que son hoxe as fronteiras? Simples liñas nun mapa ou dispositivos que deciden quen pode vivir con dereitos e quen debe facelo con medo? Nas democracias contemporáneas, as fronteiras deixaron de separar só territorios para converterse en mecanismos que clasifican persoas. Hai quen cruza sen ser interrogado e quen aprende axiña que o seu acento, a súa pel ou os seus papeis poden convertelo nun ser humano vulnerable permanente. Cando isto ocorre, o problema xa non é migratorio: é profundamente democrático.
Nos Estados Unidos, esta realidade materializouse con Trump nunha política de terror institucional. A actuación do Servicio de Inmigración e Control de Aduanas (ICE) consolidou unha lóxica represiva baseada en redadas, detencións arbitrarias e separación de familias. Non falamos de abstraccións senón de cidadáns que deixan de levar as crianzas á escola por medo, persoas traballadoras que evitan ir ao servizo médico, barrios enteiros sometidos a unha ansiedade constante. Que tipo de réxime acepta que o medo sexa unha ferramenta de goberno? Que Estado de dereito se sostén cando a violencia substitúe ás garantías xurídicas?
Esta dinámica autoritaria non é allea a outros sinais de suspensión democrática. Tras o asasinato de George Floyd en 2020, en Minneapolis, a cidade volveu ser recentemente escenario de dous asasinatos violentos e de numerosas detencións. A criminalización da protesta e da mobilidade humana responde á mesma lóxica de terror que socava as bases da convivencia democrática.
Desde unha perspectiva política, as fronteiras funcionan como mecanismos de produción de desigualdade. Como explica Lea Ypi en Fronteiras de clase, a liberdade de movemento converteuse nun privilexio distribuído segundo a posición social. Uns poucos, xeralmente ricos, atravesan fronteiras sen obstáculos; moitos outros, pobres, atopan nelas a suspensión sistemática dos seus dereitos. Esta asimetría non é accidental: é incompatible cun proxecto democrático que se pretenda sólido e inclusivo.
En España, a recente reforma do regulamento de estranxeiría amosa que existen alternativas ao medo e á exclusión como principios políticos. Avanzar cara a un país máis inclusivo require consolidar estas políticas e amplialas, porque a igualdade de dereitos é a base da xustiza.
En Galicia, este debate non é abstracto nin alleo. Somos historia viva da emigración ao longo do tempo. Arredor de medio millón de galegos e galegas residen hoxe no exterior, segundo os rexistros oficiais, resultado de décadas de mobilidade forzada pola necesidade. Todos coñecemos un familiar, unha veciña ou un amigo que tivo que marchar. Esa memoria colectiva debería impedirnos aceptar con normalidade discursos que presentan a migración como ameaza. Hoxe, as persoas migrantes forman parte da riqueza social, cultural e democrática do país e contribúen á súa sustentabilidade humana e territorial.
O debate migratorio é, en realidade, un debate sobre que tipo de sociedade queremos ser. Se aceptamos fronteiras que exclúen e humillan, aceptamos tamén democracias fracasadas e fráxiles. Defender os dereitos non é unha concesión: é unha obriga democrática.
- La histórica confitería de A Coruña recomendada por un chef Michelín: 'Siempre me quedo sin sus milhojas
- Desfile de Carnaval en A Coruña: recorrido completo y cortes de circulación
- La huelga de buses de A Coruña sigue suspendida este sábado, pero sin convenio y sin consenso entre sindicatos
- El orgullo de ser de Monte Alto con un código postal 'de moda': 'Los que somos de aquí pensamos que todo lo demás es peor
- El mal tiempo da una tregua y el Carnaval brilla en A Coruña con Trump como gran protagonista
- La senda que proyecta la Xunta en A Coruña discurre por tramos ya completados
- Más de 300 estudiantes mensuales en A Coruña para hacer el examen de extranjería: 'Hay mucha demanda
- García Seoane reconoce un 'problema serio' para llegar a un acuerdo con los propietarios de la torre de Mera
