Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián Romay Cousido

Sobre o valor ambiental das zonas húmidas de Laxe

O concello de Laxe, situado no extremo noroccidental galego (e ibérico), conta nos seus 37,5 km2 con varias zonas húmidas de grande interese natural. A lagoa de Traba, de arredor de 10 hectáreas, é o espazo húmido máis sobranceiro do concello, seguido da xunqueira das Brañas Mouras —preto do núcleo urbano de Laxe— e da lagoa da Mina —en Coéns—. Estes lugares teñen asociadas chairas aluviais (fluviais) con hábitats de interese, e, no caso de Traba e das Brañas Mouras, súmanse tamén hábitats dunares e de praia, relevantes para a flora e a fauna nativa. Máis polo miúdo, pode afirmarse que a lagoa de Traba é un «oasis» para moitas especies acuáticas dentro da Costa da Morte, algunhas delas ameazadas, como a subespecie nidificante de escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica), o papoazul (Luscinia svecica) e a auganeira ibérica (Galemys pyrenaicus), entre outras. O interese florístico da lagoa e das súas marxes é moi notable, se ben padeceron unha importante degradación pola concentración parcelaria do val de Traba realizada a comezos dos anos 90, e que estivo a piques mesmo de levar por diante a propia lagoa. A boa acción dun dos socios fundadores de Hábitat, José Luis Rabuñal, profundo coñecedor da biodiversidade de Traba e da súa contorna, propiciou que esta zona húmida só se vira afectada de modo tanxencial. Tamén os estudos de botánicos (nos que participou José Antonio de Souza e o propio Rabuñal) foron relevantes para a conservación —in extremis— e posterior protección das Brañas Mouras, zona asolagable dunhas 8 hectáreas e fogar dalgunhas especies raras e escasas de plantas vencelladas cos medios acuáticos. Por último, a lagoa da Mina de Coéns é unha zona húmida artificial, de 4,5 hectáreas, resultante da extracción de caolín a mediados do século XX. Tras o seu abandono, constitúe un punto de reprodución de anfibios e de parada temporal de aves acuáticas, complementario á lagoa de Traba. Con todo, vense de anunciar o plan para continuar a explotación de caolín a carón da lagoa, cunha produción anual de 9.000 toneladas sostida durante tres décadas, que podería afectar tanto aos valores naturais desta zona húmida como ás poboacións de Coéns e Gundar —situadas a escasos metros da lagoa—.

Conclusión: reivindicar os valores naturais e a protección das zonas húmidas do concello de Laxe é unha labor pola que aposta desde hai décadas o G. N. Hábitat. E este é un momento crítico para continuar con tales reivindicacións, non só pola celebración mañá do Día Mundial das Zonas Húmidas, senón pola inquedanza arredor do futuro da lagoa de Traba, das Brañas Mouras e, en especial, da lagoa da Mina de Coéns. De nós depende que sigan sendo oasis para a vida silvestre.

Tracking Pixel Contents