Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat Opina

David Chas Barbeito

Sobre os tesouros naturais do concello de Carral

A pesar de non ter unha grande extensión (apenas 48 quilómetros cadrados), o concello de Carral alberga unha rica biodiversidade, na que destacamos a flora e fauna vencelladas a bosques de ribeira e fragas húmidas. Estes tesouros naturais son moi aprezados tanto por biólogos como por persoas afeccionadas á natureza, que consideran este municipio próximo á cidade da Coruña como unha referencia para gozar do patrimonio natural. Curiosamente, parte dos estudos que se levan a cabo nos últimos anos no concello de Carral están relacionados coas alegacións contra proxectos eólicos, bombeos de auga e tendidos eléctricos que ameazan a biodiversidade carralexa. Outro «tesouro natural» son as asociacións que coidan o medio ambiente deste concello, destacando Salvemos o Val de Barcia e Monte Xalo e Brexa Custodia do Territorio, ONGs imprescindibles para que non se siga a degradar a natureza de Carral.

Desde unha perspectiva máis concreta, con especial atención á conservación, debemos destacar varios lugares do concello que atesouran importantes valores naturais. Practicamente todos son espazos relacionados cos ríos Brexa e Barcés e os seus pequenos afluentes. O espazo natural de interese local (ENIL) Río Abelleira, nas parroquias de Santa Mariña de Beira e Santiago de Sumio, brilla ademais polos seus valores paisaxísticos, e nel podemos observar varias especies recollidas no catálogo galego de especies ameazadas. Outro tesouro destacable pola súa amplitude e pola información ambiental compilada ao longos dos anos é o río Barcés, sobre todo a súa parte alta e máis abrupta ou o seu treito final —o cal pertence á Rede Natura 2000—. O río Brexa e os seus prados asolagables, ou as montañas do Xalo, Canedo e As Travesas —que forman un anfiteatro natural e son lugar de nacemento dos citados ríos e dos seus afluentes—, tamén fan parte dese gran tesouro.

Especies ameazadas como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), a ra patilonga (Rana iberica) e a salamántiga galega (Chioglossa lusitanica) son frecuentes localmente, como na Costa da Égoa en Herves. Deixamos como broche final aquelas especies singulares que podemos atopar nos espazos naturais de Carral. Aquí podemos observar varias especies protexidas que marcan a diferenza e son practicamente inexistentes noutras zonas cercanas. Falamos do fento frisado (Trichomanes speciosum), o fento de Pozo (Leptogramma pozoi) ou o musgo luminoso (Schistostega pennata), todas elas especies botánicas de grande importancia para a comunidade científica.

Conclusión: dende o G. N. Hábitat gustaríamos lembrar que todos os tesouros aquí nomeados enfróntanse a varias ameazas que van dende macroproxectos enerxéticos ou monocultivos de eucalipto ata especies exóticas invasoras. Precísase dun plan ambicioso e recursos para a súa conservación definitiva, parella a unha (necesaria) sensibilización da cidadanía. n

David Chas Barbeito é membro do Grupo Naturalista Hábitat e veciño de Carral

Tracking Pixel Contents