Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res Pública

Santiago Lago Peñas

A visita do ministro

O mércores pasado, Carlos Cuerpo, ministro de Economía, veu á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela a dialogar co Foro Económico de Galicia e cos alumnos e alumnas do centro. Unha experiencia que lles acompañará toda a vida, como me pasa a min mesmo con algunhas conferencias ás que asistín nos meus anos mozos nesa mesma facultade.

O ministro aproveitou para trasladar, con moita pedagoxía e acerto, algunhas mensaxes. Saliento dúas. O tratado con Mercosur é globalmente moi positivo para a Unión Europea, como en xeral o son todos os acordos. Porén, hai que ser conscientes de que sempre, e neste caso non é diferente, hai perdedores. Do que se trata é de identificalos ben e artellar solucións compensatorias, tendo en conta tamén que hai uns estándares de calidade e sustentabilidade que ten que cumprir o que vén de fóra, e que no mundo no que vivimos a autonomía alimentaria é moi relevante. Os europeos non podemos arriscarnos a deixarnos nas mans doutros.

A segunda idea é que a economía española está a transformarse en positivo. A produtividade aumenta, as actividades de maior valor engadido e, polo tanto, que poden traducirse en salarios e beneficios máis elevados gañan peso na estrutura produtiva. Porén, hai marxe para mellorar na industria, elemento tractor fundamental da actividade económica. Nos vindeiros anos porase o acento nas actuacións neste eido.

E isto me permite conectar cos deberes que levou o ministro, porque a interacción foi en dobre sentido. O primeiro: a necesidade de mellorar moitísimo a rede eléctrica, para que os novos proxectos empresariais poidan enchufarse a ela e para que a descarbonización baseada na electrificación non colapse. O segundo: hai que afrontar de xeito urxente a parte das incapacidades temporais que non é admisible socialmente, por diferentes motivos. Polo seu custo ao erario público e ás empresas; pola distorsión que xenera nas empresas, polo sufrimento das persoas, na medida na que a súa saúde tarda en recuperarse máis do que debería; ou polo mal exemplo que dan os abusos. En concreto, hai que atallar as incapacidades temporais que teñen que ver con riscos laborais non ben xestionados, con retrasos e ineficiencias na atención sanitaria, coas deficiencias no control e xestión das baixas e cos abusos do sistema por parte dalgúns traballadores.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents