Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Superarmos a tortícole ollando ao Atlántico

Galicia e, moi nomeadamente, o seu Goberno padece, dende hai moito tempo, unha doenza crónica que a medicina política non dá curado: unha tortícole persistente por mirar obsesivamente cara ao centro da península ibérica. Esa fixación con Madrid non só nos conxela o pescozo, senón que nos nubra a vista. Mentres o Estado se consome nas súas propias liortas de palacio e nun centralismo radial que nos asfixia, Galicia segue a esquecer que a súa verdadeira potencia non reside en ser a periferia de Madrid, senón en ser un dos nodos neurálxicos do Arco Atlántico.

Para Galicia, o Estado español converteuse nun marco de xestión administrativa, pero cada vez menos nun proxecto de futuro ilusionante. A dependencia emocional e económica de Madrid é unha cadea que limita a nosa proxección. É hora de suprimirmos esa tortícole. Non podemos seguir definindo o noso ser en función da capital do Estado. A nación galega ten que entender que a súa sostibilidade depende dunha estratexia de desconexión mental con ese centro que nos ignora, porque representamos só algo máis dun 5% en PIB e poboación estatais e porque os nosos alicerces económicos son prescindíbeis na óptica do Estado. Cómpre ollarmos cara ao horizonte que o noso mapa debuxa con claridade: o mar e as nacións que comparten o noso ADN cultural e xeopolítico. Fronte a esta necesidade, o goberno de Alfonso Rueda amósase hoxe como un actor pasivo, un mero delegado de sucursal que agarda instrucións de Xénova. Mentres Rueda siga instalado nun dependentismo acomplexado, incapaz de confrontar un modelo de Estado que baleira Galicia de recursos e talento, a nación precisa unha alternativa que exerza de tal.

Velaí a responsabilidade histórica do soberanismo galego (hoxe hexemonizado polo BNG), ten a responsabilidad de comparecer con estas políticas de mirada longa. Fronte á xestión dependentista do PP, o soberanismo ha artellar unha proposta que entenda Galicia como un suxeito político internacional. Non se trata só de reivindicar o que nos corresponde en Madrid, senón de actuar como se Madrid non fose o único interlocutor posible.

A nosa vantaxe competitiva máis evidente é o idioma,que nos abre as portas dun mercado de máis de 250 millóns de persoas. Portugal non é un veciño ao que visitar por turismo; Portugal é o noso socio estratéxico fundamental (receptor de case o 30%das nosas exportacións), nomeadamente ese espazo da vella Gallaecia (Galicia+ Rexión Norte de Prtugal) que integra máis de seis millóns de persoas. A integración efectiva na Lusofonía non é unha quimera romántica, é un imperativo económico de primeira orde. Falamos de reducirmos drasticamente os custos de transacción para as nosas empresas en mercados emerxentes como Brasil, Angola ou Mozambique. Galicia podería actuar como unha das portas de entrada técnica e xurídica da Unión Europea nese espazo, como Irlanda cumpriu e cumpre ese papel a respecto dos USA, xerando un retorno en servizos loxísticos, financeiros e de consultoría que Madrid nunca nos vai facilitar. O beneficio económico de converterse no hub atlántico da lusofonía (2 billóns USD de PIB conxunto) suporía un incremento directo do noso PIB e a creación de postos de traballo de alta cualificación, diversificando unhas exportacións hoxe demasiado cautivas do consumo interno español.

Máis aló do sur temos eses países celtas: Escocia, Irlanda, Gales, Illa de Man, Cornwall e Bretaña, como espellos onde nos mirar. Galicia debe liderar, canda estas nacións, un Eixo Atlántico que actúe como contrapeso dos hoxe sobredmensionados eixo franco-alemán, apostando pola orientación inequívocaemnte europea destes países fronte aos brexitters ingleses.

Dende un punto de vista produtivo, a nosa economía ha ollar cara ao Mar do Norte. A cooperación na industria conserveira de alta produtividade e na economía azul ofrece un percorrido moito máis fértil que a competencia de prezos baixos. A conexión de infraestruturas ferroviarias co Porto e Lisboa debe ser a nosa prioridade absoluta: hai máis beneficio económico real en conectar o porto de Vigo co de Sines que en calquera outra radial madrileña.

 Galicia precisa de i) unha acción exterior directa e audaz, exercida dende a convicción de nación, con diplomacia económica propia que nos dea presenza lobbística estábel en Bruxelas e nas capitais lusófonas para captar investimentos e negociar fondos directamente, sen pasar polo filtro distorsionador de Madrid, ii) unha aposta definitiva polo AVE galego-portugués, que vertebrará canda o porto de Leixoes un espazo económico de seis millóns de persoas e polo Corredor Atlántico, entendendo que a nosa rede ha ser ser unha malla europea, non un apéndice da Meseta e iii) unha Marca Galicia que sexa referente dun país europeo, moderno, tecnolóxico e orgulloso do seu.

Tracking Pixel Contents