Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Películas académicas (III): oprobio e subsistencia

Neste mesmo medio publicamos un artigo titulado Horas escuras: Franco na RAG (20 de agosto de 2021) que presentáramos como «a dolorosa historia documentada dunha institución acosada, violentada e humillada na súa dignidade». De certo o nomeamento de Franco como presidente de honra da institución foi un acto de obrigado cumprimento e acaeceu nun plenario celebrado ás 12 horas do domingo! día 13 de decembro de 1942, na aula número 1 da Universidade de Santiago de Compostela, coa asistencia de catorce académicos e diante dun delegado gobernativo, o señor Asorey, un clásico da censura gubernastiva.

Foi unha «película» certamente triste, dramática que xa tivera un anticipo na sesión celebrada o 27 de xullo de 1941 no Paraninfo da Universidade de Santiago á que foron convocados os daquela 19 académicos numerarios —Castelao estaba xa no exilio— a unha sesión plenaria presidida non polo presidente da institución senón polo Reitor da Universidade de Santiago, Ruiz del Castillo, en representación do Ministro de Educación, Ibáñez Martín. Na mesa presidencial, á dereita do reitor figuraban nada menos que o arcebispo de Santiago Muñiz; o alcalde de Santiago, Marqués de Figueroa; o delegado comarcal de Falange Española (¡!) e o sr. Legaz Lacambra, secretario da Universidade; á esquerda do reitor, o secretario da RAG, Alejandro Barreiro Noya, presidente interino da Academia, o abade mitrado de Samos e o comandante militar, sr. Judel.

Foi a primeira vez, desgraciadamente non a última, que a RAG non foi presidida por un académico nunha sesión plenaria e solemne. A segunda ocorreu no ano 2020 cando o presidente, sr. Freixanes, e o secretario, sr. Monteagudo, escoltaron ao presidente da Xunta, sr. Feijoo, que presidía o acto do Día das Letras Galega na honra de Carvalho Calero. Ambas escenas poden moi ben simbolizar todo o drama dunha institución que puido ser e non foi: na primeira de 1942 estábase a celebrar o funeral dunha RAG nacionalista que se albiscaba no horizonte coa presidencia de Lugrís (1935) e que contaba entre os seus numerarios a Risco, Otero Pedrayo, R. Cabanillas, R. Vilar Ponte e Castelao.

Con razón, en comunicación epistolar e adiviñando o futuro nacionalista da RAG, o poeta Noriega Varela en carta dirixida a Alejandro Barreiro Noya, secretario da RAG, con ocasión do seu nomeamento como numerario e datada o 1º de abril de 1939, naturalmente cunha cabeceira na que figura unha foto de Franco rodeada dos lemas «¡Viva Franco! ¡Viva España!», dicía: «Dios mediante, seguiremos leyendo mucho por el diccionario inédito del pueblo, y ya no volveremos a acordarnos más de aquellos achádegos de cadeirádegos con que los irmanciños de la fala afearan nuestra lengua de arrullo, ni hay que esperar a ver otra vez izada aquella ilegítima enseña regional que la Real Academia de la Historia tanto repudiara contestando a consultas formuladas por la Diputación de Orense».

Ao poeta mindoniense chéganlle estas poucas liñas encabezadas polos lemas franquistas citados para proclamar a súa ideoloxía tradicional-católica que, naturalmente, non aceptaba de boa gana o rumbo nacionalista das Irmandades da Fala nin o seu símbolo xa aceptado maioritariamente, a bandeira branca atravesada por unha franza azul.

Na segunda escena de 2020, sen a presencia do arcebispo o que se celebrou foi o enterramento cívico da renovación que trouxeran á institución as presidencias de Barreiro Fernández e Méndez Ferrín renovando o discurso e declarando a independencia a respecto de organismos alleos, actualmente donos da institución en réxime feudal.

Afortunadamente conservamos fotografía de ambos acontecementos para ilustrar a nosa historia da RAG. Mágoa que por outros motivos teñan desaparecido as actas do período comprendido entre o 30 de novembro de 1929 e o 3 de decembro de 1939 sen dúbida para borrar intervencións personais, probable furto ideolóxico que non pretendía outra cousa que protexer a todos os numerarios que tiñan feito propostas consideradas punibles dentro das estreitas canles ideolóxicas do franquismo. Entre elas o nomeamento de Niceto Alcalá Zamora como presidente de honra. Tal foi así que xa estaba preparada a comunicación oficial para ser enviada a Madrid e que, co correspondente riscado, sirviu de modelo para comunicar a Franco a concesión desta honra uns anos despois nun acto de desagravio (e de subsistencia!). Ben é verdade que a RAG retirou, democraticamente, cos votos maioritarios do plenario o título outorgado naquelas circunstancias represivas.

Tracking Pixel Contents