Opinión
Henrique Monteagudo | Presidente de la Real Academia Galega
Xesús Alonso Montero, mestre da palabra
Estabamos tan afeitos á súa presenza, sempre irradiando vitalidade, folgos e entusiasmo, que nunca pensabamos que un día nos ía deixar. A verdade é que el tampouco contaba moito con iso. Cando o homenaxeamos co gallo do seu 95 aniversario, comprometeuse a vir á Facultade de Filoloxía a disertar sobre Martin Sarmiento para celebrar os seus 100 anos. Todas as persoas que o escoitabamos engaioladas polo seu verbo, abraiadas pola súa enerxía, demos por certo que así sería. Mais, lamentablemente, non será. Xesús Alonso Montero partiu aos 97 anos, privando a cultura galega dun dos seus referentes vivos máis brillantes e tamén máis necesarios. Váisenos un intelectual sobranceiro, entre os máis significativos de Galicia da segunda metade do século pasado e o primeiro cuarto do presente. Váisenos tamén un compañeiro imprescindible, sempre disposto a servir o ben común, que, facendo un enorme sacrificio persoal, soubo tomar o temón da Real Academia Galega nun momento extraordinariamente difícil e levar a nave a bo porto.
Alonso Montero foi un intelectual puro, cortado polo patrón do seu tempo pola amplitude e diversidade dos seus saberes, polo seu radical compromiso social, político e moral (para el indisociables), e pola súa entrega á divulgación do coñecemento. Apaixonado do estudo, entregado á pesquisa en corpo e alma e devorador insaciable de páxinas escritas, atesouraba un caudal de erudición no campo das humanidades galegas inigualable, verdadeiramente sen fin. Mais non era un simple compilador de datos, pois o seu espírito inquisitivo e inconformista soubo deitar un ollar novo aos temas que tocaba, animado por un afán crítico que bebía da socioloxía e do marxismo. O seu maxisterio apoiábase, ademais, na optimista convicción de que o coñecemento melloraba a humanidade e as persoas. Dotado nun grao extraordinario da virtude da elocuencia, puxo a súa brillantez oratoria ao servizo da transmisión do saber e da divulgación das súas ideas sobre a literatura e a sociedade. Enfeitizaba as audiencias porque o seu verbo prodixioso transmitía sabedoría, honestidade e emoción.
Máis alá de todo iso, Xesús era humano, fondamente humano. Por debaixo da súa forte personalidade, esixente no intelectual e no persoal, e do seu rexo carácter, ás veces ríspeto, latexaba un corazón bondadoso, un amigo cándido e agarimeiro, preocupado polas angueiras dos seus próximos, que sufría cos nosos fracasos e celebraba os nosos éxitos, que cando volviamos falar despois dun tempo sen vernos, nos preguntaba por cada un dos nosos seres queridos, lembrándoos a todos, un a un, polo seu nome. Deixa un legado imborrable non só polos seus traballos sobre un amplísimo abano de temas literarios e lingüísticos, senón polos seus innumerables discípulos, dentro e fóra das aulas. En todos nós queda a pegada, o exemplo e a grandeza dunha figura irrepetible. A nosa débeda é inmensa, e por ela lle damos as grazas.
- Adiós al asador de pollos de San Roque: el Concello de A Coruña inicia el desahucio de los locales de la atalaya de la plaza de España
- Así es la ruta de la cascarilla en A Coruña: 5 locales donde aún puedes disfrutar de este producto
- Don Pollo pide margen para desalojar la atalaya de San Roque en A Coruña: 'Nos avisaron con poco tiempo
- Nueva urbanización en Oleiros: las demoliciones llegan a los terrenos de A Xesteira
- Breogán Park incorpora a su proyecto en Agrela, en A Coruña, un hotel de la cadena B&B Hotels
- Xenlleiro, el nuevo restaurante de Arteixo que apuesta por el sabor de siempre: 'Hasta ahora no había una propuesta como esta
- La fiebre del aguacate se extiende en la comarca de A Coruña
- Récord histórico de Inditex: los analistas anticipan que ganará por primera vez más de 6.000 millones